Site icon Crónica3.com A Mariña

Acordo unánime de Acisa Ribadeo sobre os mercados e xornadas gastronómicas eventuais que se celebran na vila, asunto abordado na asemblea extraordinaria celebrada este mércores

Ribadeo, 2 de outubro de 2025. Acisa Ribadeo celebrou onte unha asemblea extraordinaria na que acordou, por unanimidade, a súa postura oficial respecto á proliferación de mercados e eventos gastronómicos eventuais que, ao seu xuízo, supoñen unha competencia desleal para os negocios locais.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “había catro asuntos principais na orde do día. O primeiro foi a Gala Anual da asociación, na que se anunciou a data, o lugar e as persoas galardoadas desta edición. O segundo punto referíase ao papel de Acisa na organización da Cabalgata de Reis. Ante o ofrecemento da comisión organizadora de cederlle este evento a Acisa Ribadeo temos que comentar que non podemos asumir esa responsabilidade por falta de tempo e de recursos económicos. Entendemos que quen debe encargarse da organización é o Concello ou outra comisión organizadora. Desde Acisa amosamos a nosa disposición a colaborar na medida das nosas posibilidades. De cara ao futuro, con máis tempo e cos recursos pertinentes, poderíamos estudalo, pero agora mesmo non”.

Na asemblea extraordinaria foi presentado un informe, que foi ratificado por unanimidade e que será publicado integramente na web da entidade. Nel recóllense os argumentos polos que Acisa considera necesario poñer límites á proliferación de mercados e eventos gastronómicos eventuais, tal e como se viñeron celebrando nos últimos meses en Ribadeo.

O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, aclarou que “Acisa non está en contra da celebración destes mercados e eventos, o que rexeitamos é que se celebren sen control, en datas pouco apropiadas e con duracións excesivas. Nos últimos meses celebráronse eventos con escasa planificación, sen transparencia respecto dos promotores ou dos fins aos que se destinaban os beneficios, chegando a programarse cada pouco tempo e en plena tempada alta. Isto supón, por un lado, competencia directa e desleal para o comercio e a hostalaría locais e, por outro, un deterioro da imaxe de Ribadeo”.

Tamén destacou que os expositores que participan nestes eventos “aprovéitanse do traballo que se fai durante todo o ano para manter viva a vila e atraer visitantes, ocupan as mellores localizacións e pagan taxas mínimas ou nulas para os beneficios que obteñen. Mentres os negocios locais manteñen actividade durante todo o ano, xeran emprego para a veciñanza, pagan alugueiros, impostos, seguros, subministracións, recollida de lixo ou ocupación de vía pública e moitos destes expositores non afrontan esas obrigas. Ademais, non sempre cumpren a normativa básica, como a emisión de tíckets de compra, nin están sometidos a controis sanitarios, laborais ou fiscais. Tampouco xeran emprego no municipio e utilizan servizos municipais como obras, enganches de luz, limpeza, que pagamos todas e todos os ribadenses.Estes eventos non achegan nada novo, xa que os produtos e servizos que ofrecen poden atoparse nos negocios locais cunha calidade superior”.

Pérez Prada insistiu en que “os esforzos da vila deberían centrarse en potenciar eventos musicais, culturais ou deportivos que fagan Ribadeo máis atractivo, pero sen prexudicar ao comercio e á hostalaría, sectores fundamentais da nosa economía e que deben ser postos en valor, como se fai coas panchas, cos indianos ou no Nadal”.

A asemblea extraordinaria de Acisa aprobou por unanimidade solicitar ao Concello unha reunión, “que agardamos se celebre canto antes, para trasladar o sentir e a preocupación dos empresarios e empresarias locais”.

O xerente de Acisa dixo que “nesta reunión queremos trasladar ao Concello as nosas propostas ao respecto: crear unha mesa de traballo permanente entre Acisa, o Concello e outros colectivos para establecer unha coordinación e unha axenda anual de eventos, que evite coincidencias excesivas como as deste ano, cando chegou a haber cinco actividades nun mesmo día; limitar as autorizacións, impedindo eventos de seis ou sete días e reducindo a súa duración a un ou dous e celebrándoos fóra da tempada alta, é dicir entre os meses de outubro e abril; queremos saber quenes son os promotores de cada evento, a quen vai destinada a recadación e valorar o impacto social e económico. Esíxese que non se autoricen eventos que colisionen cos negocios locais, que se dea prioridade aos artesáns da zona e empresas locais, e que se reforcen os controis sanitarios, laborais e fiscais. Por último, solicitamos que haxa unha axenda pública e clara da programación de eventos para mellorar a súa difusión e organización”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “Ribadeo non precisa deste tipo de eventos en tempada alta. Consideramos que poden celebrarse puntualmente en tempada baixa seguindo as premisas que recolle o informe elaborado por Acisa. Desde a asociación non estamos en contra dos artesáns nin dos empresarios de venda ambulante, pero cremos que é necesario regular e controlar estas actividades. Ribadeo ten un tecido empresarial que ofrece de todo durante todo o ano. E consideramos que si se permiten este tipo de mercados a súa imaxe debe ir en concordancia co que Ribadeo se merece. Algúns eventos celebrados este verán no Parque de San Francisco ofreceron unha moi mala imaxe do noso pobo”.

Jesús Pérez rematou sinalando que “de todo isto faremos partícipe ao Concello de Ribadeo así como doutras preocupacións do sector. Algo moi importante que debemos destacar é que Acisa sempre está disposta a colaborar e traballar conxuntamente co Concello de Ribadeo. De feito tamén falaremos sobre cuestións como as panchas, o Nadal, ou Cabalgata de Reis. Con todo, Acisa tamén ten a obriga de trasladar o descontento dos seus integrantes, así como as súas preocupacións, que son moitas e variadas, como pode ser o control do botellón ou a limpeza”.

Finalmente, tamén aprobouse modificar os criterios de colaboración de Acisa con outras entidades: “a partir do 1 de xaneiro aplicarase unha redución do 25 % nas axudas ás entidades que organicen eventos ou mercados que non se axusten aos criterios establecidos pola asociación. Tamén se aplicará un desconto do 25 % aos eventos con entrada ou inscrición, priorizando así ás entidades con menos recursos. Incrementarase nun 15% a axuda destinada a entidades con fins solidarios. E establécese tamén a obriga de presentar por escrito as solicitudes de colaboración, acompañadas dunha memoria na que se reflictan as contas e orzamentos das entidades solicitantes. As nosas contas son públicas e debemos presentalas sempre que pedimos axuda, polo que entendemos que os que nos solicitan apoio económico a nos deben facer o mesmo”.

Exit mobile version