Site icon Crónica3.com A Mariña

César Mogo: “Os senadores do PP por Lugo presentan unha moción sobre San Bartolo que está obsoleta e con medidas inseguras para as persoas”

Madrid, 6 de outubro, 2025. A Comisión de Transición Ecolóxica do Senado aprobou este luns, cos votos da maioría popular, unha moción na que se insta ao Goberno de España a recuperar en termos de “seguridade e normalidade” os accesos á praia de San Bartolo, no municipio lucense de Barreiros.

Para o senador socialista, César Mogo, trátase “dunha auténtica incongruencia de Moción na que o senador Balseiro bateu a marca que xa viña ostentando”.

“Primeiro. Presenta unha Moción caduca, de hai 16 meses, cando catro meses despois todos os grupos municipais acordaron propor ao Goberno a realización dun estudo xeotécnico que se licitou e está realizado, á espera da súa tramitación inminente pola Dirección de Costas. Por tanto, propón o que xa se está a realizar desde hai un ano. Podía actualizar a Moción, pero optou por non traballar e deixala como está, converténdoa en papel mollado por obsoleta”.

“En segundo lugar expón solucións inseguras para as persoas; sen coñecer o estudo. Propoñen recuperar os accesos á praia, é dicir, os que actualmente están pechados. É o estudo quen valorará se é posible abrilos de novo ou deben clausurarse e expor outras opcións que con seguridade esixan retranquear o propio paseo na zona afectada pola erosión dos cantís”.

“O Concello fixo o seu traballo hai un ano acordando todos os grupos -incluído o PP- que as solucións pasen por un informe técnico sobre como se atopa o terreo afectado. O Goberno acometeu a tarefa de realizalo e está feito. Unha de dúas; ou ben os senadores do PP non se falan co seu portavoz en Barreiros ou ben queren desautorizalo”.

“E, en terceiro lugar, porque ademais dunha moción repleta de inexactitudes e falsidades, durante os últimos días o senador Balseiro dedicouse a difundir maís falsedades acerca das relacións entre o Goberno e o Concello para a solución do problema, inventando que houbo tiras e afrouxas. É unha insidia sen o menor fundamento porque desde o primeiro momento a vontade de cooperación do Goberno foi plena; o delegado provincial de costas informou ao Concello da situación e o ministerio de Transición encargou a realización do estudo tal e como propuxo o Concello”.

“Unha mentira máis que tan só quere levar á confusión e desacreditar unha decisión correcta adoptada entre dúas administracións que cooperaron para a solución do problema”.

“Unha auténtica vergoña de Moción. Así, só querendo enredar, non se serve aos veciños de Barreiros. Mellor iríalles aos senadores do PP por Lugo, antes que aprobar mocións inútiles valéndose da súa maioría absoluta no Senado, interesarse pola calamitosa situación da atención sanitaria no Concello, estes días cun só médico. Para iso nin aparecen polas proximidades dun centro de saúde da Mariña os senadores lucenses”.

“Vista unha moción caduca, irresponsable e con patrañas, chamei a atención á dirección do Grupo Popular no Senado sobre o desprestixio para a cámara que supón presentar iniciativas tan ínfimas”, conclúe o senador mariñán.

Exit mobile version