O responsable provincial, que percorreu as instalacións acompañado polo responsable do BNG en Foz Francisco Xavier Fanego, interesouse polo resultado das actuacións, que amplían os espazos dispoñibles para os animais e facilitan o traballo das voluntarias da Asociación Asistencial Protectora de Animais de Foz, que se encargan da sua atención.
As melloras centráronse na parcela que rodea os canís, onde se habilitaron novos espazos ao aire libre para os animais, com delimitacións para que sexan compatibles usos distintos e para que as voluntarias poidan realizar com maior comodidade as tarefas de coidado dos animais. Tamén se melloraron os accesos: pavimentouse a entrada para vehículos, ata daquela em terra, e creouse unha entrada peonil, independente.
O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García mostrouse satisfeito de ver realizadas “as melloras comprometidas coa Protectora e asegurar a viabilidade do servizo que prestan á sociedade, cada vez, afortunadamente, máis sensibilizada en relación co abandono animal”.
A actuación supuxo un investimento de 33.000 euros, canalizado a través dun convenio co Concello de Foz. A Asociación Asistencial Protectora de Animais de Foz atende medio cento de cans e gatos, a maioría deles, neste momento, en acollida, unha fórmula pola que as persoas interesadas se fan cargo temporalmente dos animais.