Site icon Crónica3.com A Mariña

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo iniciou o curso 2025/2026

Ribadeo, 3 de outubro de 2025. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo xa puxo en marcha o curso 2025/2026, mantendo unha alta cifra de alumnado moi similar ao do curso pasado e consolidándose como o centro con máis matrículas da Mariña e do Occidente de Asturias.

Este ano serán 13 os profesores e profesoras que impartan clases nas diferentes disciplinas musicais e de danza que ofrece a Escola, garantindo unha formación especializada e personalizada para cada estudante.

O responsable da EMMeD, Hugo García Presno, destaca que “o éxito da Escola está na combinación de teoría e práctica, no compromiso do profesorado e nun proxecto educativo que vai máis alá da aula: queremos que o alumnado poida subir ao escenario, participar en actividades e formar parte activa da vida cultural de Ribadeo”.

Ademais, ao longo do curso, a Escola volverá participar en eventos e colaboracións coa comunidade local, mostrando o talento e o traballo do seu alumnado. “Queremos que a música e a danza cheguen a toda a vila e sigan sendo unha ferramenta para educar en valores como poden ser a igualdade, a colaboración, o respecto ou a creatividade, entre outros”, engade García Presno.

Dende a EMMeD tamén se agradece o apoio do Concello de Ribadeo e o compromiso do equipo docente: “sen eles, este proxecto non sería posible. É un traballo colectivo que se nota nos resultados e na confianza da veciñanza”.

Exit mobile version