Site icon Crónica3.com A Mariña

Esta fin de semana dá comezo o ciclo Mestre Mateo en Foz

Foz, 3 de outubro de 2025. Esta fin de semana dá comezo o ciclo Mestre Mateo en Foz que achegará ata o día 16 de novembro os títulos finalistas deste certame que premia o mellor audiovisual galego.

O Concello de Foz organiza grazas a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Academia Galega do Audiovisual este ciclo, no que nas vindeiras semanas se poderá gozar de curtas, películas e documentais de calidade excepcional. Este sábado comezará coa primeira selección de curtas, A nai, Véxote e Pura, desde as 18.30 horas na Casa da Cultura e o domingo a partir das 12.00 horas será a quenda de Avetimología, Noites de prata, Eu vou comigo e Platónico, platónica. A duración da primeira sesión é duns 60 minutos e a segunda duns 30 minutos.

A continuación as longametraxes e os documentais irán programándose entre o 10 de outubro e o 16 de novembro, sempre no salón de actos da Casa da Cultura Manuel María e gratuítas. Os días e horas son: As Neves, venres 10 ás 20.30horas; Filmei paxaros voando, xoves 16 ás 18.30 horas; + Cuñados, venres 24 ás 20.30horas; e Aurora, xoves 30 ás 20.30 horas. Xa no mes de novembro proxectaranse Honeymoon, sábado 8 ás 20.30 horas; Prefiro condenarme, domingo 9 ás 18.30 horas; Xustiza artificial, sábado 15 ás 20.30horas; e pechase o ciclo con Salvaxe, salvaxe o domingo 16 ás 18.30 horas.

“A estreita colaboración entre administracións e entes culturais, coma a Academia Galega do Audiovisual, achega de forma gratuíta á poboación estas mostras do cine galego, que continúa en alza e con un nivel espectacular. Agradecemos este traballo para que os veciños poidan achegarse á Casa da Cultura e desfrutar de algo que falta en Foz, unha infraestrutura e servizo coma o cine”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

“Estas actividades redundan en máis servizos para as nosas veciñas e veciños e maior difusión da nosa cultura”, finaliza o alcalde de Foz, Fran Cajoto.

Exit mobile version