Site icon Crónica3.com A Mariña

Este domingo terá lugar o I Trail de Ribadeo

Ribadeo, 1 de outubro de 2025. O vindeiro domingo, 5 de outubro, terá lugar o I Trail de Ribadeo. Co evento, organizado polo Concello, colabora a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

A proba contará con tres modalidades: trail longo (24 km), trail curto (12 km) e andaina popular (12 km). As inscricións, que permanecen abertas ata hoxe, 1 de outubro, poden realizarse a través da web oficial www.trailderibadeo.com. Ata o momento son preto de 200 as persoas inscritas.

A organización ofrecerá seguro de accidentes, avituallamentos, asistencia sanitaria, bolsa do corredor, así como unha camiseta conmemorativa e un vaso pregable para todas as persoas participantes.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, sinalou que “con este evento o Concello de Ribadeo aposta por consolidar unha cita deportiva que une deporte, natureza e promoción do territorio, coa vontade de incorporala ao calendario deportivo da Mariña Lucense”. E dixo: “outubro é un bo mes para vir practicar deporte a Ribadeo e para coñecer todas as potencialidades turísticas do noso concello: a paisaxe, a historia, a gastronomía… Ribadeo sempre sorprende ao visitante”.

Na presentación do I Trail de Ribadeo participaron o alcalde, Dani Vega, o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, o técnico de Deportes do Concello ribadense, Iván Rodríguez, e Ricardo Figueroa, coordinador da organización do I Trail de Ribadeo, da empresa Marmar Outdoor.

Exit mobile version