Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado disputarase en Barreiros o IX Trail Monte Comado

A carreira, puntuable para o circuíto +KmsBarreiros, pecha o período de inscrición este xoves, día 9 de outubro

Barreiros, 6 de outubro de 2025. Esta mañá presentouse a IX edición do Trail Monte Comado, que se celebrará en Barreiros este sábado, 11 de outubro. Ao acto de presentación acudiron a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; o concelleiro de Deportes e deputado provincial, Dani García; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manolo Cadramón; e membros da entidade organizadora, Asociación Praias de Comado.

Ermida quixo poñer en valor o esforzo das asociacións: “Nestes anos, nos que vimos traballando en dinamizar Barreiros, desestacionalizar o turismo e promover o deporte, debemos agradecer moito o traballo que fan as asociacións que organizan este tipo de eventos. Neste caso estamos a presentar unha proba que vai pola súa IX edición e que está máis que consolidada no calendario das carreiras de montaña, o que fai que sexa todo un orgullo para Barreiros”.

O concelleiro, Dani García, aproveitou a ocasión para agradecer ás asociacións implicadas, Praias de Comado, Augas Santas e o colectivo Ollomao. “Todas elas, en colaboración co Concello, fan que Barreiros, con 6 probas populares enmarcadas no circuíto +KmsBarreiros, sexa un referente comarcal na promoción do atletismo e das carreiras na comarca”.

A saída e meta estarán situadas na carpa a carón da pista de pádel, en San Miguel de Reinante. Este ano haberá un único percorrido de 16 km e 1000 metros de desnivel positivo, un reto para as e os participantes, que percorrerán sendeiros perfectamente marcados e gozarán das impoñentes vistas do mar Cantábrico desde os puntos máis altos da proba.

As inscricións permanecen abertas ata o xoves, 9 de outubro. Toda a información está dispoñible na web www.maiskmsbarreiros.gal

Exit mobile version