Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 14.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo durante o pasado mes de setembro

Ribadeo, 6 de outubro de 2025. Máis de 14.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo durante o pasado mes de setembro. A ocupación hoteleira roldou o 40%.

A concelleira de Turismo, Marta Saiz, dixo que “no mes de setembro seguimos a notar ese incremento no número de visitantes con respecto ao ano pasado, mais do 25%. A oficina de turismo da vila contabilizou máis de 4.000 viaxeiros, sendo o día 2 o día de máis afluencia. E o punto de información turística da praia de As Catedrais rexistrou preto de 10.000 consultas, coincidindo tamén o día 2 o día de maior afluencia”.

A edil ribadense contou que “no tocante ao turismo de procedencia estatal, Madrid segue sendo o principal emisor e, con respecto ao turismo internacional, no mes de setembro Alemania foi o principal emisor. Sobre as pernoitas rexistradas os datos indican tamén alza con respecto ao ano anterior, cunha ocupación de preto do 40%. A praia das Catedrais, o Camiño Norte, xunto coa nosa gastronomía e o conxunto da Mariña son as principais consultas”.

Saiz tivo palabras de agradecemento para o persoal de Turismo e para o sector privado: “quédanos agradecer o traballo ao persoal de todas as oficinas, tanto do centro da vila como da praia das Catedrais e, por suposto, tamén ao sector privado, polo esforzo que leva realizando desde comezos da temporada estival, que cada vez se inicia antes, debido a esa desestacionalización. Entre todos contribuiremos a acadar un destino turístico de vangarda”.

Exit mobile version