A alcaldesa de Viveiro afirmou que se actuou «con máxima transparencia e responsabilidade»
Gueimunde subliñou que «desde o primeiro momento, actuamos con transparencia, seguindo as recomendacións de Sanidade e informando á veciñanza a través dos medios de comunicación municipais, bandos e redes sociais». A rexedora explicou que foi a empresa concesionaria Viaqua a que notificou a situación, e que ela mesma se desprazou ao lugar «onde permanecín durante toda a crise, en coordinación cos medios despregados».
Durante dous días e medio, segundo explicou a alcaldesa, estiveron presentes na zona efectivos da Xunta, dos bombeiros de Medio Rural, de Medio Ambiente, Sanidade, Policía Local, Protección Civil e Bombeiros, entre outros, e mantivéronse reunións de coordinación permanentes. Entre as medidas adoptadas, o Concello de Viveiro emitiu un bando no que se prohibía de forma preventiva o consumo da auga da traída e o baño en determinadas praias, así como a disposición de camións cisterna en Viveiro e Covas. Tamén se advertiu a residencias e ao Sergas para que adoptasen previsións segundo o protocolo sanitario.
A propia alcaldesa comunicouse coas áreas comerciais de Viveiro para que fixeran provisión de auga por se o Concello quedara privado dela.
Unha vez restablecido o servizo, e tras as análises correspondentes, levantáronse as restricións e recuperouse a normalidade. «Actuamos con prudencia e rigor, e non houbo nada que lamentar. Creo que o fixemos ben e así nolo recoñeceron tamén as autoridades sanitarias», apuntou Gueimunde.
A rexedora anunciou ademais que o Concello de Viveiro se adherirá ás dilixencias abertas polo Seprona no xulgado de Vilalba, remitindo os informes elaborados pola Policía Local e Protección Civil, así como o de Viaqua, sobre os danos que poidan afectar ao patrimonio municipal.
Por último, Gueimunde lembrou que o vertido tivo a súa orixe no Concello de Muras e insistiu en que «o goberno local estivo en todo momento a disposición dos grupos municipais e da cidadanía, coa máxima transparencia e responsabilidade».