Desde o BNG explican que “formulamos once preguntas e obtivemos cero respostas”, denunciando que a intervención da Alcaldesa foi “bochornosa, baseada en insultos ao BNG e desviando o debate cara cuestións alleas como Santos inexistentes no escudo de Viveiro ou o himno de España”.
A formación nacionalista lamenta que a rexedora rexeitase pronunciarse sobre a xestión posterior a este tipo de crises, negándose a responder as preguntas construtivas presentadas polo BNG, baseadas en mellorar a prevención e os protocolos de actuación. “Para o BNG é fundamental xestionar unha emerxencia de principio a fin, sacar conclusións e saír mellor preparados; pero a Alcaldesa non o entende e mesmo se tomou a prevención a broma, falando da probabilidade de que caian bólas máxicas do ceo”, apuntan.
O BNG denuncia tamén o comportamento posterior da Alcaldesa, quen “tras saír do Pleno, escapou dunha conversa co BNG berrando, cantando e bailando. Que cadaquén saque as súas conclusións”.
Por outra banda, a formación critica a actitude de Por Viveiro e do PP, asegurando que “comparten a mesma estratexia e discurso: Por Viveiro está totalmente fagocitado polo PP, ata o punto de repetir as mesmas mentiras sobre as competencias no control dos ríos”.
O BNG reitera o seu compromiso coa defensa dos intereses da veciñanza de Viveiro, coa transparencia institucional e coa mellora da xestión pública ante situacións de emerxencia.