Olga García, “isto é unha mostra evidente do desmantelamento da sanidade pública no rural. Non estamos a falar de operacións complexas, senón dunha analítica básica”
A concelleira do BNG, Olga García, explicou con detalle un caso recente que exemplifica a gravidade do problema:
O 19 de setembro solicitouse unha cita médica para pedir un volante para unha analítica. Esa primeira cita non foi concedida ata 12 días despois, o 1 de outubro.
Nesa mesma data, ao solicitar xa a cita para a propia analítica, esta foi fixada para o 30 de outubro, é dicir, 29 días despois.
En total, 41 días de espera para unha proba básica e rutinaria.
Segundo Olga García, “isto é unha mostra evidente do desmantelamento da sanidade pública no rural. Non estamos a falar de operacións complexas, senón dunha analítica básica. Demorar máis dun mes é unha barbaridade e un risco para a saúde da nosa veciñanza”.
A edil nacionalista subliñou que esta situación responde á política sanitaria da Xunta, “que non cobre baixas nin vacacións, non reforza o cadro de persoal e permite que se produzan atrasos intolerábeis”, pero tamén sinalou con claridade que o goberno municipal do PP en Castro de Rei ten unha responsabilidade directa ao permanecer calado e non esixir melloras.
“Non pode ser que a Alcaldía e o seu equipo de goberno miren para outro lado mentres as persoas deste concello sofren esperas interminábeis. É a súa obriga defender os intereses da veciñanza e reclamar á Xunta os servizos básicos, non actuar como unha simple delegación submisa do Partido Popular”, denunciou García.
Desde o BNG reclámase á Xunta de Galiza e ao SERGAS que doten o centro de saúde de Castro de Ribeiras de Lea dos recursos humanos e materiais necesarios, e ao goberno municipal que exerza a súa responsabilidade institucional demandando estes servizos con firmeza.
“Non aceptamos que se trate ás persoas que vivimos no rural como cidadáns de segunda. O silencio e a pasividade do goberno local son cómplices deste deterioro. Se o PP na Xunta recorta e o PP en Castro de Rei cala, quen defende entón os dereitos da nosa veciñanza?”, preguntouse a concelleira nacionalista.
O BNG lembra que xa advertiu en numerosas ocasións desta deriva, presentando iniciativas e propostas para mellorar a atención sanitaria no concello. “A sanidade pública é un dereito irrenunciábel e non imos deixar de denunciar e mobilizarnos ata que as veciñas e veciños de Castro de Rei teñan a atención sanitaria que merecen”, concluíu Olga García.