Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo agradece o forte apoio da Xunta á nova planta de Stolt Sea Farm, “que xerará emprego no municipio”

Cervo, 7 de outubro do 2025. O Concello de Cervo agradece o acordo acadado no día onte no Consello da Xunta relativo á concesión dunha axuda de máis de 13,2 millóns de euros á empresa Stolt Sea Farm, instalada no polígono de Cuíña, para a construción dun novo edificio de produción de linguado, no marco das actuacións cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Esta actuación, que supón unha importante aposta pola acuicultura en terra, permitirá ampliar a superficie produtiva en máis de 7.000 metros cadrados e aumentar a capacidade anual ata as 400 toneladas de produción de linguado, consolidando a Stolt Sea Farm como unha das compañías referentes do sector en Europa; e supón un impulso importante para o desenvolvemento económico e industrial do noso municipio.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que esta inversión “é unha excelente noticia para o noso concello, pois suporá a creación de arredor de vinte empregos directos e un impacto económico moi positivo tanto na actividade industrial como nos servizos e no comercio local”.

García Caramés salientou tamén o compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento sostible e innovador da economía da bisbarra:

“A acuicultura é unha actividade estratéxica para o noso territorio, que combina innovación, sustentabilidade e creación de emprego. A colaboración entre o sector público e o privado, como neste caso, é fundamental para seguir xerando oportunidades en Cervo e A Mariña; e o apoio da Xunta é fundamental para seguir medrando como territorio competitivo, moderno e comprometido co mar”.

A ampliación das instalacións de Stolt Sea Farm en Cervo forma parte dun conxunto de proxectos que a Xunta impulsa por toda Galicia, cun investimento global de 59,5 millóns de euros en axudas ao sector acuícola, co obxectivo de reforzar a competitividade e o valor engadido dos produtos do mar.

Con esta nova planta, Cervo consolídase como referente na acuicultura galega, reforzando o seu papel dentro dun sector que xera máis de 5.600 empregos en Galicia e supera os 200 millóns de euros de facturación anual.

Exit mobile version