A análise permitirá comprobar se as eléctricas presentaron datos de facturación inferiores aos reais, garantindo unha recadación xusta da taxa polo uso do dominio público local
A taxa, regulada por unha ordenanza aprobada no ano 2019, establécese aplicando unha porcentaxe sobre a facturación da enerxía que circula por Vilalba. Se as empresas estivesen a declarar cifras inferiores ás reais, estarían a pagar menos do que corresponde.
O estudo contratado permitirá esclarecer esta situación e, no caso de confirmarse o fraude, o Concello podería recuperar máis de 300.000 euros.
O contrato coa empresa encargada deste traballo ascende a 17.984 euros, mais este importe só se aboará unha vez que o Concello recupere a totalidade da cantidade prevista. Ademais, no caso de que a recadación efectiva sexa inferior ao 25% da estimación inicial, aplicarase unha regra de proporcionalidade e o Concello só pagará a parte correspondente.
Deste xeito, o estudo non suporá ningún custe directo para as arcas municipais e permitirá ao Concello defender con firmeza os recursos públicos que lle corresponden a Vilalba.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que esta medida “amosa a vontade do goberno local de non deixar pasar nin un euro que pertenza ao pobo de Vilalba” e engadiu que “seremos firmes coa defensa dos intereses da veciñanza fronte ás grandes compañías que se benefician do noso territorio”.