“A día de hoxe, descoñécese se a institución provincial colaborará nas dúas iniciativas”
A día de hoxe, o Concello continúa á espera de recibir confirmación por parte da Deputación. Desde o goberno local recórdase que o obxectivo é unicamente que Viveiro reciba o respaldo que merece e que a colaboración institucional se materialice canto antes para poder iniciar os traballos de montaxe do Belén. Neste sentido, o executivo municipal aposta por unha xestión seria e respectuosa entre administracións, afastada de calquera utilización partidista dun asunto que afecta directamente ao desenvolvemento cultural e económico da cidade.
A alcaldesa Mariña Gueimunde referiuse tamén á nota de prensa difundida pola Deputación na que a asesora María Loureiro suxería indicacións sobre o modo de tramitar estas achegas. «Non precisamos recomendacións de ninguén para facer unha solicitude formal, porque estamos afeitos a facelo e sabemos perfectamente como se tramita. Resulta curioso que agora haxa que facer estes trámites e antes non se fixeran, pero desde o Concello actuamos con rigor e falamos coas administracións cando corresponde. O que non imos aceptar son leccións de quen, ademais, ocupa un cargo de asesoramento na Deputación», afirmou.
O Concello confía en que a Deputación de Lugo dea unha resposta positiva e áxil, e lembra que tanto o Belén como a Semana Santa non só reforzan o atractivo turístico de Viveiro, senón que tamén contribúen a dinamizar o comercio, a hostalería e o conxunto da economía local. Ademais, os prazos para iniciar a montaxe do Belén xigante cada vez son máis axustados.