Os concelleiros do PP explican que “a recepción oficial ao Primeiro Ministro de Cabo Verde durante esta fin de semana a vila non fora presidida pola alcaldesa, durase apenas 15 minutos cunha representación do goberno local escasa e sen os concelleiros da oposición, que non foron convidados”
Os concelleiros do PP lamentan que a alcaldesa de Burela – que é a figura de máxima representación do Concello- non estivera presente porque, “segundo se nos indicou, estaba nunha viaxe fóra de Galicia” e que, ademais, fora escasa a participación do goberno bipartito e que “os concelleiros da oposición non foramos convidados. É especialmente chamativo tendo en conta que o PP é o único grupo con representante de orixe caboverdiana, Félix Martins”.
Fronte a esta falta de respecto institucional e o “intento de invisibilizar aos representantes públicos que representan á metade do pobo de Burela”, destacan “a gran acollida” de toda a comunidade caboverdiana na reunión posterior co Primeiro Ministro. Nese sentido, trasladan “o noso máis profundo agradecemento” tanto aos representantes públicos de Cabo Verde como ás asociacións polo convite.
Así, cren que “o intento do goberno bipartito de invisibilizar á oposición foi en vano” e condenan “esta degradación institucional, que comezou co mandato da señora López Moreno xa que nunca antes se vivira”.
“Todo isto súmase ás continuas faltas de respecto e educación que demostra Pleno tras Pleno tanto a alcaldesa coma os primeiros tenentes de alcaldesa con insultos e interrupcións continuas infrinxindo o regulamento en cada sesión plenaria, como poden comprobar os asistentes aos Plenos”, conclúen.