Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela reclama ao goberno local a ampliación e mellora da vía de acceso entre Os Cotos e Ril e a revisión da sinalización recentemente implantada

Os concelleiros populares fanse eco desta demanda “reiterada” dos veciños da zona que cobra especial urxencia trala implantación da unidireccionalidade da vía que supón “dificultades” para que os residentes acceden aos seus fogares

Burela, 4 de outubro de 2025. O PP de Burela traslada formalmente e “con ánimo construtivo” ao goberno bipartito presidido pola señora López Moreno as demandas reiteradamente comunicadas polos veciños e veciñas da contorna de Os Cotos, Ril e o barrio da Casilla en relación ás melloras necesarias na zona.

Os populares mantéñense en contacto permanente cos veciños e veciñas e, neste caso, comparten a preocupación pola recente colocación dun sinal de dirección prohibida na vía que conecta Os Cotos con Ril. Este acceso vén sendo empregado en dobre sentido durante máis de 25 anos sen rexistro de incidentes; pero esta restrición supón unha clara dificultade para o acceso aos seus fogares. De feito, obrígaos a realizar rodeos innecesarios agravando unha situación que xa de por si estaba pendente de mellora pola falta de ampliación do camiño, tal e como recolle o propio plan urbanístico municipal.

A proposta formal que trasladan os populares coa vontade de abordar o asunto de forma conxunta inclúe a petición para que o goberno municipal reconsidere a implantación da unidireccionalidade da vía e restableza de forma provisional a circulación en ambos sentidos para os residentes da zona mentres non se execute a súa ampliación.

E demandan a inclusión no plan de obras municipais de forma prioritaria desta actuación “lóxica e asumible” que, ademais, conta co aval do seu uso histórico e co consenso veciñal.

Tamén solicitan a revisión urxente do funcionamento da estación de bombeo de augas residuais da Casilla, dado que en episodios de chuvia intensa se producen verteduras incontroladas cara a fincas privadas e en dirección á praia de Ril, con evidente risco medioambiental.

Os populares fanse eco tamén da petición para a execución de beirarrúas en ambos sentidos da rúa xa parcialmente urbanizada para “garantir a seguridade peonil e a accesibilidade mínima esixible nunha vía residencial”.

Os concelleiros do PP agardan que o goberno municipal “actúe con responsabilidade e sensibilidade ante unha demanda que non responde a criterios partidistas, senón ao sentido común e á garantía de dereitos básicos como o acceso digno ás vivendas e a protección do contorno natural”.

Os edís do Partido Popular aproveitaron para trasladar “distintas necesidades e poñer en valor as bondades do noso pobo, sempre que estea ben xestionado”, aos deputados provinciais do PP durante unha visita recente á vila na que lles explicaron a situación destes barrios e, concretamente, o caso desta vía que, no seu día, fora aberta e acondicionada con fondos da Deputación de Lugo.

Exit mobile version