Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP logra que o Senado pida ao Goberno recuperar con “seguridade e normalidade” os accesos á praia de San Bartolo

Balseiro lembrou que un dos areais máis emblemáticos de Barreiros leva cinco anos coa súa escalinata pechada e sen acometer obras de consolidación do acantilado ante a falta de interese e vontade da Alcaldía e de Costas do Estado

Madrid, 6 de outubro de 2025. A Comisión de Transición Ecolóxica do Senado aprobou, cos votos da maioría popular, unha moción na que se insta ao Goberno de España a recuperar en termos de “seguridade e normalidade” os accesos á praia de San Bartolo, no municipio lucense de Barreiros.

O senador popular, José Manuel Balseiro, encargado de defender a moción, explicou que no ano 2021 tivo lugar un desprendemento de rochas que inhabilitou a escalinata de acceso a este emblemático areal. Desde entón, nin desde a Alcaldía, nin desde Costas do Estado, como administracións competentes, teñen achegado solucións.

Para Balseiro a “falta de interese” das administracións local e estatal por recuperar os accesos é un caso de “flagrante imprudencia temeraria” xa que, en todo este tempo, nin retiraron as rochas, nin fixeron nada por consolidar os acantilados, aos que hai que sumar a insuficiente sinalización de advertencia que, especialmente durante o verán, deu lugar a situacións de risco, pola aparición de novas fosas.

TOMADURA DE PELO CO ESTUDO XEOTÉCNICO

Os populares rexeitaron unha emenda formulada polo BNG que pedía a elaboración dun estudo xeotécnico do litoral. Balseiro di que propoñer agora isto “é unha tomadura de pelo” xa que lembrou que a elaboración deste estudo “xa foi prometido” tanto por Costas do Estado, como polo propio Concello en novembro de 2024 “e nada se ten avanzado” A senadora nacionalista incluso chegou a contradicirse, na súa primeira intervención falou de que “era necesario este análise xeotécnico e na segunda que xa estaba feito. Se está feito para que o pide, é un modo de seguir mareando a perdiz”.

Balseiro dixo tamén que o Concello e Costas do Estado non se poden escusar nun conflito de competencias á hora de acometer os traballos para recuperar esta praia, porque “non é un problema de competencias, senón de falta de vontade”. Afirmou tamén que esta actitude de desidia “supón un dano reputacional para as praias de Barreiros, para o seu potencial turístico, ademais de manter durante un lustro unha situación que supón un risco para as persoas”.

Exit mobile version