Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide no Senado a “restauración, consolidación e reapertura” do acceso á praia de San Bartolo, en Barreiros, que leva 5 anos pechado

A moción será obxecto de debate e votación este luns na Comisión de Transición Ecolóxica da Cámara Alta

Lugo, 4 de outubro de 2025. A Comisión de Transición Ecolóxica do Senado convocada para o vindeiro luns, 6 de outubro, ás 16.00 horas, ten previsto o debate e votación dunha moción do Partido Popular para que se acometa a “restauración, consolidación e reapertura” do acceso á emblemática praia de San Bartolo, no municipio mariñán de Barreiros.

Sucesivos derrubes da zona de acantilado contigua a esta praia lucense levaron a que, hai xa máis de 5 anos, se pechasen as escaleiras que servían de acceso peonil ao areal. Desde entón, administración central e local polemizan, por quen é a administración competente para realizar as reparacións, sen ofrecer solucións.

A iniciativa, promovida a instancias do grupo municipal popular e trasladada á Cámara polos senadores José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano, demanda que Costas do Estado asuma os traballos precisos dirixidos á retirada de rocas, consolidación do acantilado e, segundo os criterios técnicos competentes, recuperar en condicións de seguridade e normalidade deste acceso.

O seador mariñán José Manuel Balseiro, encargado de defender esta iniciativa, considera acaído formular este debate neste momento, para estudar e executar as obras necesarias e que os accesos á praia de San Bartolo, estean plenamente operativos de cara a semana santa e, en todo caso, antes do vindeiro verán.

“Levamos 5 anos. Entre tirapuxas do Goberno e do Concello, ningún é capaz de ofrecer solucións. E mentres, vemos como os acantilados se deterioran, incluso xerando situacións de risco, como as que tiveron lugar este verán, con novas fosas contiguas ás escaleiras. Creo que é tempo de que se poñan as pilas, actúen sobre o terreo e teñan máis respecto e coidado cun dos principais atractivos turísticos de Barreiros, como son as súas praias”-explica Balseiro.

Exit mobile version