Site icon Crónica3.com A Mariña

O Primeiro Ministro de Cabo Verde visita Burela e destaca os lazos históricos coa comunidade caboverdiana

Ulisses Correia e Silva reuniuse coa veciñanza e compartiu unha xornada cultural con música e gastronomía tradicional

Burela, 6 de outubro de 2025. O Primeiro Ministro de Cabo Verde, Ulisses Correia e Silva, visitou este domingo o Concello de Burela, acompañado polo Ministro de Fomento da Investimento e da Empresa e de Modernización do Estado e da Administración Pública, Eurico Correia Monteiro; a Secretaria de Estado de Negocios Extranxeiros e Cooperación, Myrian Djamila Sena Vieira; e o Embaixador de Cabo Verde en España, Eduardo Jorge Lima Barros Silva.

A comitiva foi recibida ás 13:00 horas no Salón de Plenos do Concello, nun acto informal no que o goberno local expresou o seu agradecemento pola visita e fixo entrega dun agasallo representativo da vila. O encontro serviu así para poñer en valor os vínculos históricos entre Burela e Cabo Verde, froito da importante presenza da comunidade caboverdiana no municipio dende xa hai décadas.

Xa pola tarde, arredor das 16:30h, tivo lugar un coloquio coa comunidade caboverdiana no Salón de Conferencias, no que se abordaron as principais preocupacións e propostas da colectividade residente en Burela.

A visita concluíu na Praza de Abastos, onde se serviu o prato tradicional de Cabo Verde, a Cachupa, nun ambiente festivo amenizado polas batukadeiras de Batuko Tabanka, que ofreceron unha actuación musical á que tamén se sumou o Primeiro Ministro.

O Tenente da Alcaldesa, Mario Pillado, destacou a relevancia desta visita e o significado que esta ten para o municipio.

“A presenza do Primeiro Ministro é un recoñecemento á historia compartida entre Burela e Cabo Verde. A nosa vila é un exemplo de convivencia e integración, e este tipo de iniciativas consolidan esa unión entre pobos irmáns que forma parte da identidade de Burela”, concluíu Pillado.

Exit mobile version