Site icon Crónica3.com A Mariña

“Os migrantes, misioneiros de esperanza”. Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo da Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado 2025

A cuestión migratoria converteuse, no momento presente, nun dos temas de rabiosa actualidade. É unha das cuestións que xera preocupación, debate cidadán, enfrontamento político. Non falta tampouco una certa hipocrisía ao impedir traballar por cuestións administrativas a persoas que necesitamos, que queren e poden traballar. A paralización da Iniciativa Lexislativa Popular é proba diso.

Quizais o tema migratorio está a converterse nunha das cuestións centrais que marcará o devir dos próximos anos na concreción dun proxecto social e cidadán. E non é bo que se afronte desde as emocións, os medos, as ideoloxías, as culpabilizaciones e as falsas informacións. Tampouco é oportuno facelo desde solucións simplistas, populistas e particulares. Por iso, é oportuno o xuízo que o papa León fai sobre certas posicións á hora de afrontar o fenómeno: “A tendencia xeneralizada de velar exclusivamente polos intereses de comunidades circunscritas constitúe unha grave ameaza para a asignación de responsabilidades, a cooperación multilateral, a consecución do ben común e a solidariedade global en beneficio de toda a familia humana”.

Sen dúbida, requírese ante a migración unha reflexión sosegada e serena que nos permita afrontar o reto que significa e ao que nos provoca. Trátase dunha oportunidade que é preciso abordar a nivel global, integral e desde a clave do ben común.

Nesta perspectiva sitúase a Igrexa cando achega a súa luz e o seu traballo a esta realidade. Son múltiples as reflexións, iniciativas, proxectos, persoas concretas e propostas que a Igrexa xerou para afrontar a realidade das migracións no mundo. Acoller, protexer, promover e integrar son claves de futuro que nos humanizan e fan crecer como sociedade.

A Igrexa celebra esta fin de semana a Xornada Mundial do Migrante e Refuxiado: unha oportunidade para reflexionar en positivo sobre a realidade migratoria que nos axuda a superar o medo ao outro e a deixar de velo como competidor e perigo para o noso benestar. Para iso é bo non esquecer as causas profundas e reais que están na decisión de emigrar. O papa León indícanolas nesta frase: “O contexto mundial actual está tristemente marcado por guerras, violencia, inxustizas e fenómenos meteorolóxicos extremos, que obrigan a millóns de persoas a abandonar a súa terra natal en busca de refuxio noutros lugares”. Se as analizamos poderemos cuestionar a vontade libre de moitos migrantes e comprender mellor os seus procesos consecuentes de duelo e demais.
Persoalmente, gústame afrontar o fenómeno desde o concreto e o contacto persoal. A xeneralización lévanos a teorizar, divagar, ideoloxizar. Con todo, o encontro concreto con cada persoa migrante, coas súas historias e os seus soños, a oportunidade de tocar, mirar, dialogar, coñecer, ábrenos un novo horizonte que nos permite ser máis xustos e humanos ao achegarnos ao fenómeno. A realidade sempre supera e corrixe á idea!

Xunto a iso, a Igrexa convídanos a mirar en positivo. Así o facía Xesús con cada persoa: como oportunidade de crecemento, de encontro, de transcendencia. Problematizar un fenómeno e estigmatizalo impídenos practicar a acollida e achegarnos cun necesario humanismo. Á parte das cuestións económicas, ás que moitas veces reducimos tristemente ás persoas, é innegable, como dicimos os bispos na mensaxe da xornada, “que eles están a revitalizar coa súa mocidade, os seus valores, o seu traballo, as súas vidas, as súas familias, a súa fe, os seus ideais, a realidade social e eclesial do noso país e das nosas comunidades parroquiais, ademais de facelo nos seus propios países de orixe”.

Por iso, sen dúbida, eles convértense, no noso mundo, en auténticos “misioneiros de esperanza”, como reza o lema da xornada deste ano. Para a nosa sociedade non son un problema, son motivo de esperanza, polo que temos que seguir traballando na creación dese “nós” máis amplo, onde a dignidade de cada un e a xustiza social poidan ser gozadas por todos. Este desexo, sen dúbida, é parte do plan de Deus para o noso mundo.

O voso irmán e amigo,
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version