Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedro Blanco enxalza A Mariña como exemplo do desenvolvemento turístico de Galicia grazas ao apoio do Goberno

O Plan de Sustentabilidade Turística da Mariña contou cun investimento de 2,5 millóns e contempla accións relacionadas co turismo na natureza, o patrimonio ou a gastronomía, entre outros

O Valadouro, 1 de outubro de 2025. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe A Mariña como “o símbolo do turismo que queremos para Galicia, un turismo de calidade, sostible e con futuro”, poñendo en valor o apoio do Goberno co desenvolvemento turístico desta comarca. Fíxoo na apertura do I Foro Turismo e Sostibilidade A Mariña Lucense, celebrado na Casa da Cultura do Valadouro, un encontro participativo no que expertos e axentes sociais analizaron os retos e oportunidades dun sector chave para o desenvolvemento económico e social.

Pedro Blanco subliñou que este impulso á Mariña forma parte dun esforzo máis amplo que o Goberno vén realizando en Galicia. Así, nos últimos anos destináronse 228 millóns de euros do Plan de Recuperación para modernizar 43 destinos turísticos, o que supuxo que un de cada dous concellos galegos se beneficiasen xa destas iniciativas. No caso da Mariña, o Plan de Sustentabilidade Turística contou cun investimento de 2,5 millóns. Así mesmo, o Goberno, transferiulle 78 millóns á Xunta de Galicia para reforzar o apoio ao sector. “Estamos a construír unha Galicia máis forte, máis atractiva e máis sostible, unha Galicia mellor para vivir e para visitar”, afirmou o delgado.

Na súa intervención resaltou tamén que a aposta do Goberno pasa por un modelo sostible, innovador e inclusivo, no que se fomente a diversificación da economía, a creación de emprego e a atracción de visitantes durante todo o ano. “Aquí a natureza convértese en motor económico, porque entendedes que o turismo non é só recibir visitantes, senón compartir valores como o respecto polo mar, pola montaña e pola nosa cultura”, asegurou, incidindo na contribución que o turismo ten tamén nos eidos social e cultural.

O Plan de Sustentabilidade Turística da Mariña, asinado en 2021, contempla, entre outras accións, a posta en valor do Camiño do Mar, a reactivación do Roteiro Pardo de Cela, a consolidación das audioguías ficcionadas para atraer visitantes cara ao interior, o fomento do sendeirismo, cicloturismo, ecoturismo e turismo gastronómico, así como a implantación de sistemas de xestión de visitantes en puntos con fraxilidade ambiental.

Exit mobile version