Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Ribadeo en Rede’ chega esta fin de semana cunha serie de encontros e actividades

Ribadeo, 7 de outubro de 2025. O Concello presenta Ribadeo en Rede, unha serie de encontros e actividades que terán lugar os vindeiros días 11 e 12 de outubro.

A concelleira de Comercio, Marta Saiz, explica que “esta mostra, na que se poderá disfrutar da gastronomía, de obradoiros, de música, así como tamén do mercado de produtos da nosa terra, está organizada polo Concello de Ribadeo en colaboración coa Sucadoira e coa Rede EuSumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, na que o Concello está integrada”.

A edil ribadense conta que “o programa dará comezo o sábado 11 cunha mesa redonda que levará por título Proxectos en Rede e que servirá para dar visibilidade aos proxectos e entidades que tecen redes e oportunidades no territorio”. Na mesa, que se celebrará na Praza de Abastos, participarán persoas de diferentes ámbitos. A parte institucional contará coa presenza de Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego, Martín Alemparte, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Vidal Martínez-Sierra, presidente do GDR Terras de Miranda, Rosa Ana Rodríguez, técnica do GALP A Mariña-Ortegal e Manuel Valín, director do CFEA Pedro Murias de Ribadeo.

Saiz segue a relatar que “no mesmo espezo, tamén se manterán conversas abertas con ribadenses dedicados ao mar, á gandeiría e á horta coa idea de crear un espazo para coñecer e compartir experiencias arredor da economía social e solidaria, a alimentación sostible, o desenvolvemento rural e mariñeiro, a educación, a calidade alimentaria e a innovación territorial. Haberá para finalizar a programación da mañá do sábado unha degustación de produtos da nosa terra”.

A concelleira de Comercio indica que “pola tarde, no porto ribadense, haberá un obradoiro familiar da man de Dani Prieto, biólogo e traballador da Confraría de Pescadores de Ribadeo. A actividade, que leva por nome Descubrindo a ría dende o microscopio, contará con prazas limitadas para unha mellor experiencia, polo que se recomenda reservar praza enviando un correo a adl@ribadeo.gal. Xa o domingo, de novo na Praza de Abastos coincidindo coa última xornada do Mercado dos Domingos, haberá un obradoiro de prensado de mazá, así como unha elaboración e degustación de receitas da man da Asociación de Cociñeiros de Lugo. Nesta ocasión, o produto seleccionado para a degustación será a Faba de Lourenzá acompañada de produtos do mar. Para poñer punto e final a esta fin de semana dedicada a Economía Social, poderemos disfrutar do concerto de Iria Estévez e Gonzo Piña”.

E engade: “queremos convidar a todas as persoas a que participen nas actividades organizadas, porque será unha estupenda ocasión de poñer en valor e recoñecer a importancia dun sector económico moi importante na nosa vila ao mesmo tempo que disfrutamos e aprendemos coa programación que teremos. Tamén queremos resaltar a importancia do Mercado dos Domingos, que chega esta fin de semana á súa fin por este ano e que é un perfecto exemplo de produtos de proximidade e de calidade”.

Exit mobile version