Site icon Crónica3.com A Mariña

Segue a bon ritmo a recollida de sinaturas en Viveiro para trasladar ao conselleiro a situación do centro de saúde

Viveiro, 1 de outubro, 2025. Veciños e veciñas de Viveiro concentraranse este xoves na Praza Maior, diante do Concello de Viveiro en protesta “pola precaria situación na que sigue o Centro de Saúde, mermado de facultativos e profesionais”. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, que xunto con diversos colectivos de Viveiro, convocan este acto reivindicativo nesta nova localización anuncian que marcha a bon ritmo a recollida de sinaturas para trasladarlle ao Conselleiro de Sanidade a situación da Atención Primaria en Viveiro e este xoves seguirán ampliando esa recollida.

Así mesmo distribuirán dípticos “coas mentiras do PP, coa correspondente actualización, pois a mentiras seguen a aumentar, xa que en pleno verao afirmaron que a atención sanitaria estaba garantida o que foi rotundamente falso”.

“O actual equipo de goberno deu as costas ao pobo de Viveiro”

“Diante do problema sanitario de primeira orde que sufre Viveiro e os centros de saúde das localidades veciñas, o novo goberno do PP de Viveiro decidiu desde o primeiro momento dar as costas ás veciñas e veciños que encheron as rúas da vila nunha manifestación multitudinaria no mes de marzo, así como nas posteriores concentracións que se levan realizando desde hai meses diante do centro sanitario da vila”.

O cambio de localización das concentración responde a varios motivos

Segundo explican Samuel Bouza e Montse Porteiro, os motivos para este cambio de localización da concentración , trasladándose desde o centro de saúde ata a Praza do Concello céntranse “en levar as mobilizacións aos lugares onde se desenvolve a vida e a actividade das vilas máis tamén responde a esixencia que o pobo de Viveiro fai aos seus gobernantes máis próximos para que se unan á demanda de cobertura total de profesionais no centro de saúde e demostren con feitos que están do lado das veciñas e veciños”

Exit mobile version