O director de Turismo de Galicia participou na inauguración dun Foro sobre turismo e sostibilidade na Mariña lucense
O director de Turismo destacou que “o obxectivo deste plan é impulsar un desenvolvemento turístico sostible na Mariña Lucense, poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural protexido para frear a perda demográfica nas áreas rurais dos 16 municipios”.
Ademais, persegue a xestión dos fluxos turísticos no territorio, o freo da perda de poboación rural, aumentar o seu nivel socioeconómico e mellorar o equilibrio territorial neste territorio. O impulso da dixitalización das infraestruturas e os servizos turísticos existentes é outro dos eixos deste PSTD, xunto co desenvolvemento de equipamentos e produtos turísticos seguros, innovadores e singulares.
“Desde o Goberno galego levamos anos asumindo o compromiso de traballar da man da sostibilidade turística”, salientou Merelles, quen destacou o esforzo que realiza a administración “para repartir a actividade turística polo territorio e durante todos os meses do ano”.
O director da Axencia citou algunha das ferramentas que se empregan para potenciar estes aspectos, como os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino e lembrou outras achegas económicas que apoian a sustentabilidade, como as axudas para a mellora de infraestruturas turísticas en concellos de menos de 10.000 habitantes, dotadas con 2M€, ou as liñas para actuacións de melloras enerxéticas, dixitalización e embelecemento de fachadas de establecementos situados no litoral costeiro, ás que se destinan 5M€.
Entre os meses de xaneiro e xullo, a Mariña Lucense recibiu a visita de máis de 103.000 turistas, un 1,8% máis que no mesmo período de 2024, que realizaron un total de 205.000 pernoctacións, un 8,1% máis.