Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG Critica a actuación urbanística da Consellería de Urbanismo e a do Concello de Cervo

O BNG cualifica da abandono de responsabilidades a actuación da Consellería de Urbanismo por non recorrer a licenza do concello de Cervo para a construción de 532 vivendas en San Cibrao. Non comprende como a Consellería non actuou xudicialmente cando agora di que as autorizacións do concello poderían ser ilegais. Así mesmo critica o convenio de infraestruturas e servizos asinado entre o concello e os promotores e que agora se negan a pagar porque teñen as obras paradas pola baixa demanda no mercado inmobiliario.

Nota de prensa.

O BNG CUALIFICOU DE CHAPUZA E ABANDONO DE RESPONSABILIDADES A ACTUACIÓN DE URBANISMO NA LICENZA PARA CONSTRUCCIÓN DE 532 VIVENDAS EN CERVO.

A Comisión de urbanismo do Parlamento si deixou clara a vulneración da legalidade urbanística coa concesión destas licenzas que non se axustan nin á Lei do Solo de Galiza nin as Normas Subsidiarias do municipio.

Actuacion municipal:

O Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística deixou claras no Parlamento Galego as irregularidades urbanísticas na concesión das licenzas para a construción de 532 vivendas en Cervo, segundo as contestacións a preguntas parlamentarias do BNG e PP, as licenzas son contrarias ao ordenamento xurídico emanado da Lei do Solo de Galiza, mais tamén o son en relación as Normas Subsidiarias de Planeamento que rexen o urbanismo en Cervo dende 1978; tal afirmación deixa en evidencia unha actuación irregular tanto da Xunta de Goberno que as concedeu como dos técnicos municipais que as informaron.

O goberno municipal pretende enganar á cidadanía lendo os informes a medias, quedándose co que lles interesa e esquecendo aquilo que vai en contra das súas teses. Neses informes non so se pon de manifesto a vulneración da lexislación ao conceder licenza directa nun solo que non é urbano consolidado, polo que se outorgou un exceso de edificabilidade de 10.000 m2, senón que esta observación vese corroborada ao aprobarse polo concello un proxecto urbanizador por 390.00 euros que non sería necesario de contar esa parcela con tódolos servizos urbanísticos.

As actuacións do concello non só supuxeron un importante beneficio para a promotora outorgándolle un exceso de edificabilidade, senón que ao non aplicarse os artigos que corresponden na Lei 9/2002 para Solo Urbano Non Consolidado(SUNC), privouse aos veciños das porcentaxes en cesións correspondentes que o BNG xa cuantificou no seu momento e motivaron a denuncia presentada en marzo de 2007 diante da Dirección Xeral de Urbanismo.

Convenio de Infraestruturas e Servizos.

O convenio asinado polo goberno municipal con catro promotores en novembro de 2006 a cambio da concesión de licenzas de construción para mais de 800 vivendas cunha edificabilidade de 86.500 m2, non serviu en ningún caso para os fins acordados nos que se incluía a dotación de servizos para un número tan elevado de vivendas proxectadas, xa que con cargo a este convenio financiáronse entre outras, a compra dun camión de recollida de RSU e unha barredora por 218.556 euros, unha escultura para o parque Raiña Sofía por 36.050 euros, acondicionamento de beirarrúas e alumeado na Veiga por 216.000 ou obras de remodelación do Parque Raiña Sofía por 520.000 euros, en ningún caso con cargo a este convenio foron executadas infraestructuras básicas de saneamento para atender as necesidades de 800 vivendas, mais ben obras electoralistas nos meses previos á campaña electoral municipal.

Obras paradas e débedas pendentes.

A promotora que prevía executar as 532 vivendas en 14 edificios, un 52,57% da edificabilidade concedida, adebeda ao concello 1.300.000 euros do 1.817.870 previsto no convenio que o concello non pode cobrar pola falla de ferramentas xurídicas establecidas no convenio ao acordar o pagaré como forma de pago avalado por pisos construídos que nestes momentos están sen executar; tanto esta promoción como outra que se executaba na Rúa Galiñeira cun 15,85% do convenio están paradas por problemas internos das empresas.

A actuación da Dirección Xeral de Urbanismo.

Non é lóxico que diante dun caso desta envergadura cando se presentan preguntas parlamentarias sobre o caso, acuda un funcionario no lugar dun responsábel político. O Director Xeral de Urbanismo eludiu as súas responsabilidades dobremente; primeiro por non facer cumprir a legalidade urbanística nunhas licenzas que considera “contrarias ao ordenamento xurídico” e por tanto ilegais, argumentando un teórico fracaso na vía xudicial, e segundo porqué do resultado da comparecencia do funcionario da Axencia de Protección da Legalidade urbanística desprendese o contrario do que debería representar este organismo, ao situar na inseguridade xurídica esta promoción xa que durante seis anos podería prosperar un contencioso administrativo que deixaría na ilegalidade aos seus posíbeis compradores.

O resultado da comparecencia parlamentaria na Comisión de Urbanismo lanza un perigoso mensaxe á cidadanía; o que se anunciaba como unha posta en orde do desmadre urbanístico na costa galega pasa a mellor vida porqué agora non toca poñer orde, o deixar facer volve ser parte da normalidade aínda desprezando os informes dos técnicos que aconsellan o contrario.

Cervo, 20 de xuño de 2008.

O Consello Local do BNG.

Exit mobile version