Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo prohibe que as autocaravanas convertan o aparcamento das Catedrais nun camping

RIBADEO .- O Concello de Ribadeo acaba de colocar sinais verticais para que as ducias de autocaravanas que chegan cada día ás Catedrais abandoen os aparcadoiros da zona ás nove da noite e se dirixan a pernoctar nos cámpings da zona. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, asegura que “hai unha semana que habilitamos un novo aparcadoiro en Catedrais, Illas, Castros e Rinlo con autorización do director xeral de Conservación da Natureza ao pertencer á Rede Natura 2000”.

Cupeiro engade que “no aparcadoiro das Catedrais que ten uns 12.000 metros cadrados estes días estamos a tomar medidas ao quedarse a pernoctar autocaravanas co perxuizo económico que eso supón para os cámpings da zona. O Concello está a tomar medidas en colaboración coa Garda Civil e coa Policía Municipal para regular estas incidencias. O que fan é convidar aos donos das autocaravanas a abandoar durante a noite o aparcadoiro, xa que desde hai uns días teñen unha sinal de prohibido aparcar alí entre as nove da noite e as nove da mañá”.

O concelleiro de Medio Ambiente  tamén lles pide aos cidadáns que visiten As Catedrais “que respecten as sinais verticais de dirección obrigatoria e que fagan uso do aparcadoiro provisional mentres quede espazo e que non o aparquen á beira da estrada. De tódolos xeitos estamos moi satisfeitos polo respecto dos visitantes hacia este monumento natural”.

Exit mobile version