Site icon Crónica3.com A Mariña

Cursos de “Aqua-baby” e “Aqua-gym” en Cervo

CERVO .- A concelleira delegada de Deportes, Yolanda Pedreira, ven de informar da posta en marcha de dúas novas actividades dentro da oferta promovida pola delegación de Deportes de Cervo na piscina municipal de Lieiro. Trátase de cursiños de iniciación á natación para bebés e nenos (Aqua-baby); e de ximnasia na auga (Aqua-gym).

Os cursiños de Aqua-baby están divididos en dúas categorías, segundo a idade dos nenos (de 0 a 3 anos, e a partir de tres anos). A través desta actividade dirixida aos máis novos, búscase unha aproximación temperá ao medio acuático facendo fincapé nunha serie de factores coma a estimulación de condutas orgánicas tan importantes como o control da respiración, a circulación, a coordinación motriz e a termorregulación. Ademais, coa natación ponse en xogo outros elementos superiores da persoa: capacidade de decisión e de superación, adaptación a un medio menos natural, adquisición de autoconfianza e autocontrol, ensanche da experiencia vital, etcétera.

Por outra banda, o Aqua-gym é unha variante aeróbica dentro do medio acuático e cuxos beneficios son numerosos para a xente que o practica. O tamén denominado o fitness acuático é unha opción refrescante e divertida para todo tipo de persoas e idades. Na auga faise o dobre de esforzo que na superficie, quéimanse máis calorías; á vez que se recibe un masaxe constante e faise exercicio no medio máis relaxante que existe.

Os interesados en participar nestas actividades poden formalizar a súa inscrición e ampliar información nas instalacións da piscina, en Lieiro (Tfno: 982-594-512).

Exit mobile version