Site icon Crónica3.com A Mariña

15 mil libros da biblioteca do instituto de Foz poderían estar a disposición dos veciños

FOZ .- A biblioteca do instituto de educación secundaria de Foz conta con 15 mil volumes que poderían ser accesibles ao conxunto dos veciños do concello si prospera a proposta que lle fixo o director do centro, Nemesio Rodríguez, a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón.
A pasada semana a responsable de Educación inaugurou as novas instalacións da biblioteca na que se investiron 174 mil euros. A reforma consistiu na mellora da accesibilidade, na dotación de acceso exterior á biblioteca, na ampliación dos ocos de fachada para gañar iluminación natural, e na renovación de revestimentos en paredes, e de teitos, pavimento, instalación eléctrica, calefacción e iluminación. Tamén se modificaron e renovaron os aseos.

Nota de Presa

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria inaugurou a obra realizada neste centro, consistente na dotación de acceso exterior á biblioteca, así como na mellora da accesibilidade e renovación das súas instalacións

Santiago, 5 de novembro de 2008.- A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, inaugurou este mediodía as novas instalacións da biblioteca do Instituto de Educación Secundaria (IES) de Foz, nas que a Administración educativa galega investiu máis de 174.000 euros.

A reforma consistiu na mellora da accesibilidade, na dotación de acceso exterior á biblioteca, na ampliación dos ocos de fachada para gañar iluminación natural, e na renovación de revestimentos en paredes, e de teitos, pavimento, instalación eléctrica, calefacción e iluminación. Tamén se modificaron e renovaron os aseos.

Durante o transcurso do acto, o director do centro propúxolle á conselleira chegar a un acordo co Concello, de cara a abrir este espazo, dotado duns 15.000 volumes, ao conxunto dos veciños. Neste senso, Laura Sánchez Piñón afirmou que estudaría a viabilidade desta colaboración.

O IES de Foz conta cun total de 419 alumnos matriculados, 280 en ESO e bacharelato, 25 en adultos, e 114 en Formación Profesional. O centro oferta ESO, bacharelato, Programas de Cualificación Profesional Inicial (Servizos auxiliares de oficina e Axudante de servizo de restaurante e bar), e Educación para adultos. En canto á Formación Profesional, imparte os ciclos de grao medio de Comercio, Cociña, Restaurante e bar; e os de grao superior de Restauración e Desenvolvemento de aplicacións informáticas.

A Consellería de Educación vén realizando distintas actividades para a mellora das bibliotecas e a promoción da lectura, como o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que integra a un total de 224 centros galegos, entre eles o IES de Foz. Así mesmo, a Consellería de Educación vén de convocar novas axudas para o desenvolvemento de clubs de lectura en centros escolares, unha liña de axudas posta en marcha por primeira vez o curso pasado, e da que se beneficiaron 104 clubs.

Exit mobile version