Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP advirte que a Xunta ten axentes gardacostas que non cumpren os requisitos esixidos

NOTA DE PRENSA

Os dous falsos gardacostas disfrutan de sobresoldo por un exceso horario ao que non están sometidos, teñen coche oficial, teléfono móbil sen restriccions e desenvolven toda clase de funcións reservadas pola lei ao Servizo de Gardacostas
A XUNTA ENTREGOU ILEGALMENTE PLACAS, CARNÉ IDENTIFICATIVO E DISTINTIVOS DE AXENTES DO GARDACOSTAS A DÚAS PERSOAS QUE NON CUMPREN OS REQUISITOS ESIXIDOS

* O Grupo Popular solicita o cesamento inmediato dos falsos axentes e pide que se depuren as responsabilidades oportunas no seo da Consellería de Pesca

Santiago, 07 de novembro de 2008.- O Continúa a cascada de irregularidades cometidas pola Consellería de Pesca. Nesta ocasión, o Grupo Popular denuncia que Consellería de Pesca entregou placas, carnés profesionais e distintivos de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia a dúas persoas que non reúnen os requisitos esixidos pola lei, xa que non pertencen a ningunha das tres escalas dese servizo.

Os falsos axentes do Gardacostas de Galicia son dúas persoas procedentes da Administración do Estado, integradas no corpo de funcionarios de Administración Xeral da Xunta de Galicia. Sen embargo, o decreto que ordena e regula o funcionamento do Servizo de Gardacostas limita expresamente as tarefas dos funcionarios con este perfil ao desenvolvemento de funcións “administrativas e de apoio”, pero nunca operativas, que quedan reservadas, exclusivamente, aos axentes pertencentes ás escalas de Gardacostas.

TAMÉN PERCIBEN GRATIFICACIÓNS

Pese a estar adscritos á Administración do Estado e non pertencer a ningunha das tres escalas do Servizo de Gardacostas, estas dúas persoas portan distintivos e dispoñen de carné profesional emitido pola Consellería de Pesca. Ademais gozan dunha serie de privilexios que a normativa limita exclusivamente aos axentes do Gardacostas, como 10 días libres máis ao ano e un sobresoldo de 600 euros mensuais en concepto de horario especial. Tamén dispoñen de teléfono móbil sen restricións e coche oficial.

O Grupo Popular tamén dispón de evidencias que demostran que, pese ás contraprestacións sinaladas, os dous falsos gardacostas disfrutan do mesmo horario laboral que os demais funcionarios da Xunta e en momento algún están sometidos aos excesos horarios dos verdadeiros axentes.

A maiores, estes falsos gardacostas están a levantar e asinando actas de infracción, comisando vehículos e embarcacións, peixe e marisco, dan ordes operativas e desenvolven toda clase de funcións reservadas aos axentes. Ademais fan uso da condición de axente de autoridade que a lei outorga exclusivamente aos axentes pertencentes ás escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia.

O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, considera que estes feitos constitúen “unha mostra do caos que reina na Consellería de Pesca, que chegou a converter en axentes da autoridade aos amigos, nunha situación incrible, surrealista, ilegal e absolutamente intolerable”.

¿ALGUÉN IMAXINA A UN FALSO POLICÍA OU A UN FALSO GARDA CIVIL?

“¿Alguén imaxina a un responsable político outorgando placa, carné e uniforme da Policía, a Garda Civil ou do Servizo de Vixilancia Aduaneira (que, como o Servizo de Gardacostas, teñen a condición de axentes da autoridade) a un funcionario da Seguridade Social, de Patrimonio, de Agricultura, ou de calquera outro departamento da Administración, como vén de suceder na Consellería de Pesca?”, pregunta Balseiro Orol.

Coñecedor de outras irregularidades cometidas por este dous funcionarios, o Grupo Parlamentario Popular ten solicitado o cesamento destas dúas persoas en reiteradas ocasións xa que, ademais, están a ocupar postos de responsabilidade dentro do Servizo de Gardacostas en detrimento dos verdadeiros axentes. Ata o de agora, nos postos de xestión que teñen ocupado, demostraron un absoluto descoñecemento da realidade galega e do traballo cotiá propio do Servizo de Gardacostas.

Con todos estes antecedentes, o Grupo Popular reclama o cesamento inmediato dos dous falsos gardadacostas e reclama a depuración das responsabilidades que procedan no seo da Consellería de Pesca ante a magnitude desta nova irregularidade

Exit mobile version