Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP solicita as actas dos falsos gardacostas para revisar irregularidades

NOTA DE PRENSA:

Pesca ampara centos de expedientes de infracción tramitados de xeito irregular polos falsos axentes

O PPdeG SOLICITA COPIA DE TODAS AS ACTAS INCOADAS POLOS FALSOS GARDACOSTAS PARA REVISAR AS ILEGALIDADES COMETIDAS

* Eses expedientes poden resultar nulos de pleno dereito por ter sido tramitados por falsos axentes da autoridade, polo que non sería descartable que os afectados presenten unha avalancha de reclamacións e recursos para preservar os seus dereitos

Santiago, 16 de novembro de 2008.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, rexistrou no Parlamento unha iniciativa na que solicita que a Xunta lle remita copia de todas as actas e expedientes incoados polos dous falsos axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia para revisar as ilegalidades cometidas por estes funcionarios.

O PPdeG denunciou, días atrás, que a Consellería de Pesca entregou placas, carnés profesionais e distintivos de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia a dúas persoas que non reúnen os requisitos esixidos pola lei, xa que non pertencen a ningunha das tres escalas dese servizo. Trátase de dous funcionarios da Administración central que prestan servizo na Xunta en comisión de servizos, pero que de ningún xeito reúnen as condicións esixibles aos axentes do Servizo de Gardacostas, equiparados aos axentes de autoridade en materia de inspección de vixilancia pesqueira.

Tendo en conta que os dous falsos axentes do Gardacostas están a levantar e asinar actas de infracción, comisan vehículos e embarcacións, peixe e marisco, dan ordes operativas e desenvolven toda clase de funcións reservadas ao axentes da autoridade en materia de inspección e vixilancia pesqueira, o PPdeG sospeita que poden ter acumulado centos de expedientes tramitados de xeito irregular.

Aínda que a Consellería de Pesca, responsable última destas irregularidades, trata de agochar e minimizar a situación, o PPdeG advirte que todos eses expedientes poden resultar nulos de pleno dereito por ter sido tramitados por axentes falsos, polo que non sería descartable que os afectados presenten unha avalancha de reclamacións e recursos para preservar os seus dereitos.

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DO GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR DE GALICIA

Exit mobile version