Site icon Crónica3.com A Mariña

A Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón espera a posta en marcha de iniciativas

A MARIÑA .- A Comisión de Coordinación Institucional da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón comezou hoxe, na súa segunda reunión, a formalizar os órganos de decisión da mesma, para poder iniciar a posta en marcha de accións que beneficien aos 14 concellos asturianos e galegos que conforman a reserva, entre os que se atopan Ribadeo, Trabada e A Pontenova.
Os gobernos galego e asturiano xa están promovendo iniciativas para activar esta zona, como a creación dunha ruta verde que recuperará o trazado do antigo tren mineiro ou a dun programa de incentivación e información sobre o emprego verde.
Fonte

A formalización dos órganos de goberno da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón dará paso a posta en marcha das primeiras iniciativas
A Comisión provisional de Coordinación aprobou hoxe o seu regulamento interno, valorou o borrador dos estatutos do futuro órgano de dirección da reserva, o Consorcio, e acordou crear unha Mesa sectorial provisional, ata que se conforme o Foro de Participación Social

Os gobernos de Asturias e Galicia preparan xa iniciativas para dinamizar e poñer en valor a Reserva da Biosfera como a creación dunha ruta verde no antigo camiño que seguía o tren mineiro ou a dun programa de promoción e información sobre o emprego verde

 

A Fonsagrada, 13 de xaneiro de 2009.- A Comisión de Coordinación Institucional da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón comezou hoxe, na súa segunda reunión, a formalizar os órganos de decisión da mesma, para poder iniciar a posta en marcha de accións que beneficien aos 14 concellos galegos e asturianos que conforman a reserva. En este sentido, os gobernos galego e asturiano xa están promovendo iniciativas para activar esta zona, como a creación dunha ruta verde que recuperará o trazado do antigo tren mineiro ou a dun programa de incentivación e información sobre o emprego verde.

A viceconselleira de Medio Ambiente do Principado de Asturias, Belén Fernández, e o director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, Xosé Benito Reza, presidiron hoxe a reunión desta comisión provisional. Na xuntanza participaron tamén os alcaldes dos concellos que integran a reserva: Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, por parte galega; e Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Taramundi, Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos e San Martín de Oscos por Asturias.

A Comisión provisional aprobou un regulamento de réxime interno para regular o seu funcionamento ata que non se constitúa o futuro Consorsio, que será o que se encargue de forma definitiva da xestión e xerencia da Reserva da Biosfera. Os membros da Comisión valoraron e fixeron aportacións ao borrador dos estatutos do futuro Consorcio, que deberán ser ratificados polo Estado. Cando se dea cumprimento a este trámite, haberá un corpo xurídico básico para poñer en marcha a reserva e o seu futuro plan de acción.

Neste sentido, os dous gobernos preparan xa iniciativas para dinamizar e poñer en valor a Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón. Así, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible asinará un convenio coa Dirección de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño para poñer en marcha unha gran ruta verde: a recuperación do trazado do vello tren mineiro cunha senda verde que unirá as localidades de Ribadeo e Trabada, tramo do se fará cargo o Goberno central. O representante de Medio Ambiente da Xunta comprometeuse a completar a obra e executar o tramo restante ata A Pontenova.

Será precisamente neste concello onde se localice o futuro Centro de Interpretación do río Eo. O Consello da Xunta autorizou o pasado 30 de decembro de 2008 un amplo convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e o Ministerio polo que se investirán 24 millóns de euros de fondos FEDER en Galicia. Dentro deste acordo, incluíase a construción do centro, ao que se destinarán 1,2 millóns de euros. Ademais, outro acordo co Ministerio achegará 500.000 euros, dos que parte se repartirán en axudas aos concellos, para a promoción e sinalización da Reserva da Biosfera.

O director xeral de Conservación da Natureza anunciou tamén que a Xunta xa ten preparado o plan de ordenación piscícola da cunca do río Eo, a efectos de regulación da pesca e xestión conxunta co Principado de Asturias. O plan iniciará agora o período de tramitación.

Pola súa banda, o Principado de Asturias, en colaboración coa Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, destinará máis de 600.000 euros ao fomento do emprego verde. Esta iniciativa, denominada BRUMAS e da que tamén se poderán beneficiar os concellos galegos que conforman a reserva, contempla sete liñas de acción formativas de entre 4 ou 5 meses de duración en temas como a biomasa ou as enerxías renovables. Ademais, pretende abrir novas oportunidades de emprego verde, polo que se impartirán xornadas explicativas, fomentarase o autoemprego das mulleres ou se creará unha guía informativa que identifique as oportunidades de negocio, así como un observatorio online de emprego verde.

A Comisión de Coordinación Institucional acordou tamén a creación dunha Mesa sectorial provisional, ata que se conforme o Foro de Participación Social da Reserva da Biosfera. O director xeral de Conservación da Natureza explicou que no foro participarán sete representantes por cada Comunidade Autónoma dos ámbitos pesqueiro, agricultor e gandeiro, forestal, do sector servizos e turismo, da caza e da pesca, grupos de acción locais e de grupos ecoloxistas

Exit mobile version