Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA presenta o programa Ríos de Lingua e Cultura

SANTIAGO.- Mañá vai ser presentado en Santiago o Programa Ríos de Lingua e Cultura, dentro do Proxecto Rios, que ADEGA desenvolve xunto coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. O acto será na Galería Sargadelos.

NOTA DE PRENSA:
Santiago de Compostela (10 febreiro de 2009). O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantenemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

O Proxecto Ríos posúe de seu unha importante vertente cultural. Para facer fincapé no patrimonio cultural presente nos ríos, o Proxecto Ríos deseñou o Proxecto Ríos de Lingua e Cultura, que pretende fomentar o emprego da lingua galega dende o ecoloxismo e a educación ambiental, mediante a recollida e divulgación de nomes asociados aos cursos fluviais. Queremos achegar á cidadanía a riqueza cultural e lingüística que o noso país agocha e que está a piques de se perder, manténdoa viva. Nesta primeira xeira a temática elixida será a fauna e flora (nomes, usos de plantas, tipos de pesca e/ou cazas de animais, receitas, etc). O programa terá continuidade en anos vindeiros centrándose noutras temáticas asociadas aos ríos, toponimia, cantigas, contos e lendas, etc.

Ríos de lingua e Cultura será un programa participativo no que grupos de persoas (centros de ensino, familias, asociacións culturais, etc) recollerán nomes e aspectos culturais asociados á fauna e flora dos cursos fluviais. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza do noso patrimonio inmaterial e que este se manteña no tempo. Para o desenvolvemento do programa o Proxecto Ríos vai editar un manual e unha guía de campo que se enviará a todas as persoas interesadas en participar. Coas achegas dos voluntarios e das voluntarias faremos unha nova guía coa intención de divulgar este patrimonio.

A presentación, será na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, e correrá da man de Ramsés Pérez Rodríguez (Coordinador do Proxecto Ríos de Lingua e Cultura) e o Director Xeral de Creación e Difusión Cultural Luís Bará Torres, entidade que co-financia o proxecto. O proxecto conta tamén coa colaboración de A Mesa pola Normalización Lingüística que participará tamén na presentación.

Exit mobile version