Site icon Crónica3.com A Mariña

Un centenar de músicos protagonizaron unha misa multicultural en Burela

BURELA .- Un centenar de músicos, integrados en diversas formacións, participaron na misa multicultural que tivo lugar na igrexa parroquial de Burela o día 19 de marzo. A celebración, enmarcada no programa de divulgación do Modelo Burela de Planificación Lingüística -aplicado por unanimidade das forzas políticas do Concello de Burela-, foi oficiada polo párroco da localidade Ramón Marful Rodríguez, quen posteriormente dedicou a homilía ao Modelo Burela cualificándoo como exemplo de “harmonía entre culturas”.

REFERENCIA

HARMONÍA TERRENAL

Un centenar de músicos, integrados en diversas formacións artísticas, participaron de xeito destacado na misa multicultural celebrada ás 12 da mañá do día 19 de marzo de 2009 na igrexa parroquial de Burela. A celebración, enmarcada no programa de divulgación do Modelo Burela de Planificación Lingüística (aplicado por unanimidade das forzas políticas do Concello de Burela), foi oficiada polo párroco da localidade Ramón Marful Rodríguez (http://centros.edu.xunta.es/iesperdouro/webantiga/prinli06/protagonistas/protagonistas.htm), quen posteriormente dedicou a homilía ao Modelo Burela cualificándoo como exemplo de “harmonía entre culturas”.

Ás 11:45 da mañá, os veciños e veciñas da vila víronse sorprendidos pola “recepción” coa que eran agasallados. No propio adro parroquial, saudaba a súa chegada a Banda de Gaiteiros da Asociación Cultural Ledicia, que interpretou media ducia de pezas. Seguidamente o Grupo de Cámara dirixido polo profesor Bruno Pedre tomou a alternativa, xa no interior do templo, interpretando pezas clásicas instrumentais, mentres os fieis ocupaban os seus respectivos asentos. Tras as palabras de ben-vida, pronunciadas polo sacerdote, tocoulle o turno á Coral Polifónica de Burela, que foi alternando o canto da misa xunto co coro parroquial, dirixido polo profesor Jesús Arranz. González.
Durante a consagración, a Banda de Percusión Dambara (dirixida polo profesor Albano González Cancio) fixo resoar o templo coas notas da Marcha do Antigo Reino de Galiza. Máis tarde, o músico local Antón Crego (un dos clásicos da Quenlla, xunto con Mini e Mero) cantou o Noso Pai, acompañando a voz coas notas da guitarra. Antes da despedida (tamén no adro) protagonizada por Dambara, chegou un momento agardado con especial agarimo: as doce mulleres afro-galegas de Batuko Tabanka interpretaron ao estilo coral (sen o seu tradicional batuko) unha peza dedicada a Xesús, cuxa letra é a seguinte:

Ó Jesus, que estás sempre ao meu lado
no meu peito acendei a Vossa luz,
livrai-nos de todos os pecados
ajudai-me a levar a minha cruz.

Vamos todos com santa alegria
receber a Jesus com amor;
quanto mais adoremos a Jesus,
mais é digno do nosso amor.

No acto litúrxico participaron tamén con diversas lecturas nenas e nenos representantes da multiculturalidade de Burela.

Exit mobile version