Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo prescindirá de 11 persoas do GRUMIR si a Deputación non asume o custo

CERVO .- O Concello de Cervo non renovará o contrato de a 11 das 15 persoas que forman o Grupo Municipal de Intervención Rápida e que rematan a súa actividade o venres día 10. As persoas afectas estaban contratadas con cargo a unha subvención que lle concedeu a Xunta ao Concello de Cervo por un período de 9 meses.
Agora, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, pide que a Deputación de Lugo se faga cargo destes gastos, que o servicio sexa ininterrompido e que a Deputación pague os gastos do “persoal dos servicios de salvamento acuático en temporada de baño”.

NOTA DE PRENSA

O Ente provincial incumpre a Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia, aprobada polo bipartito, que obriga á Deputación a garantir a prestación dos servizos de protección civil naqueles municipios que non conten con servizos propios.

CERVO RECLAMA QUE A DEPUTACIÓN ASUMA O CUSTO DE MANTEMENTO DOS GRUMIR PARA QUE O SEU SERVIZO SEXA ININTERROMPIDO

•    O día 10 de abril os integrantes dos Grupos de Intervención Rápida de Cervo rematarán o seu contrato de 9 meses subvencionado cada ano con cartos procedentes da Xunta de Galicia. A Deputación provincial non achega nin un só euro en cumprimento da obriga legal de garantir o servizo ininterrompido.

•    A petición do Concello de Cervo non é un caso illado, a Deputación Provincial da Coruña subvenciona aos concellos da súa provincia con 30.000 euros para os servizos de salvamento acuático e 45.000 para o mantemento dos GRUMIR.

•    Ao mesmo tempo reclámase ao organismo provincial a facerse cargo dos gastos de persoal dos servizos de Salvamento Acuático en temporada de baño.

Cervo, 8 de marzo de 2009.- O Concello de Cervo reclamará formalmente e por escrito, a través do seu Alcalde, Alfonso Villares Bermúdez, que a Deputación provincial de Lugo asuma o custo de mantemento dos Grupos Municipais de Intervención Rápida (GRUMIR) para que o seu servizo poida ser ininterrompido. De non ser así, o día 10 de abril os integrantes destes grupos adscritos ao servizo de Protección Civil finalizarán os seus contratos -que se prolongaron, grazas a unha subvención da Xunta de Galicia, por un período de 9 meses- o que suporá unha redución considerable do número de efectivos -no caso de Cervo pasan de 15 a 4- e dará lugar a un servizo en precario.

O Concello de Cervo basea a súa reclamación -que pode facerse extensible ao resto dos municipios da provincia con menos de 20.000 habitantes- no disposto na Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia, que foi aprobada polo extinto Goberno bipartito e que a Deputación de Lugo estaría a incumprir. Segundo o artigo 26 apartado e) do devandito texto legal as administracións provinciais teñen a obriga de “garantir a prestación do servizo de protección civil e xestión de emerxencias, incluídos os servizos contraincendios e de salvamento, naqueles municipios que non conten con servizos propios”. Curiosamente a Deputación Provincial de Lugo, da mesma cor política que o Goberno bipartito que aprobou esta lei, non achega nin un só euro en cumprimento desta obriga legal para garantir o servizo ininterrompido.
RAZÓN DE SER DAS DEPUTACIÓNS

Alfonso Villares, explica que a razón de ser das Deputacións provinciais está sustentada no seu papel como entes para colaborar na prestación de servizos básicos dos medianos e pequenos concellos. Cervo, como a inmensa maioría dos municipios lucenses con menos de 20.000 habitantes non teñen nin a capacidade económica nin a obriga legal de dispoñer de servizos de protección civil ou xestión das emerxencias contra incendios. De feito, para poder contar con estes efectivos é preciso dispoñer da colaboración e das achegas económicas doutras administracións. A día de hoxe, a Xunta de Galicia está a cumprir o seu compromiso a través da subvención para a contratación dos GRUMIR por un período de nove meses, así como tamén, a través da achega dunha cantidade económica dirixida a dotar de medios estes servizos e contratar a aqueles profesionais que se denominan GRUMIR estables -porque teñen contratos de duración anual prorrogables-. En todo caso, existe un período de tempo, no que os efectivos temporais do GRUMIR non teñen contrato en vigor e, polo tanto, no que se ve reducida a prestación deste servizo. Para evitar que esta situación aconteza o Concello de Cervo reclama a colaboración da Deputación provincial, tendo en conta ademais que constitúe unha obriga desta administracións legalmente recoñecida.

PRIORIDADE DE GASTO, GARANTIR UN SERVIZO ININTERROMPIDO

Segundo entende o Alcalde de Cervo resulta evidente que esta debera ser unha prioridade de gasto do Goberno provincial e, por iso, espera a boa acollida da súa proposta. En todo caso a institución provincial ten o deber de manifestar o seu compromiso e boa disposición articulando con urxencia unha fórmula de colaboración cos concellos que teñen necesidade e interese de garantir un servizo ininterrompido dos GRUMIR os 365 días do ano.

SALVAMENTO DE PRAIAS

Neste mesmo sentido, o Concello de Cervo insta tamén á Deputación Provincial a facer fronte aos gastos de persoal dos servizos de salvamento acuático en temporada de baño, tanto nas zonas costeiras como no interior. Esta reclamación fundaméntase no mesmo razoamento xa explicado e ten por obxecto facer efectiva a colaboración da Deputación cos municipios máis pequenos da provincia lucense.

PRECEDENTE: A DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A maiores, cabe salientar, que a reclamación do Concello de Cervo non é un caso illado. Fundamentada ao abeiro do disposto na Lei de Emerxencias actualmente en vigor, existen exemplos nos que se está a poñer en práctica aquilo que se pide. De feito, a Deputación Provincial de Coruña, subvenciona aos concellos con 30.000 euros para os servizos de salvamento acuático e con 45.000 máis para os GRUMIR. Con estas cantidades, ou con cifras similares, sería posible garantir a non interrupción do servizo de protección civil durante o espazo de tempo no que a Xunta de Galicia non subvenciona os contratos dos GRUMIR. Suporía ademais un enorme avance en materia de seguridade pública dos nosos veciños e veciñas

Exit mobile version