Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros e a Xunta traballarán para unha solución á situación urbanística

BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, tilda de moi positivo o encontro que onte mantivo en Compostela coa secretaria xeral de Ordenación do Territorio e co director xeral de Sostenibilidade e Paisaxe para ir vendo a situación urbanística de Barreiros e para ir poñendo ó día á nova secretaria xeral. Fuente Parga di que “a reunión foi moi positiva, si ben, como non se fala nin dunha soa construción nin de dúas senón que son todas, é dicir foi unha actuación desproporcionada e persecutoria da Xunta cara o noso concello onde incluso non se permitiu nunca que puidera haber reunións coma a de onte (de tres horas) para ir falando destes temas, de como está a situación a día de hoxe, os contenciosos que hai, porqué motivo se expuxeron, como estaban as normas, é dicir unha serie de cuestións que hai que ir avaliando que é o normal”.

O rexedor considera que “isto é o normal que tiña que pasar xa hai anos, pero desde o bipartito non se quería escoitar nunca ós alcaldes que non foran deles, por dicilo dalgún xeito. E isto é unha situación normal entre dúas administracións que son as que teñen que velar polos intereses dos administrados e chegar a solucións e a consensos. O que non se pode é paralizar totalmente como se fixo no noso concello unha actividade como a da construción, con perda de postos de traballo, con inseguridade xurídica para os compradores e sen motivación clara”. Alfonso Fuente subliña que “hai moitísimos informes que avalan que a actuación do Concello foi a correcta e que se xudicializaron todos os acordos que tomou o Concello sen escoitar previamente ó Concello e sen intentar unha vía razoada ó problema”.

O alcalde barreirense apunta que “esta ronda de reunións que teremos son un paso moi importante, onde nos iremos sentando arredor da mesa todas as partes que teñen que intervir agora. Desde que se entra en contenciosos falamos de que hai que falar cos xuristas, hai que tomar acordos por parte da Xunta, hai que tomar acordos por parte do Concello, hai que informar ós afectados (os promotores) e hai que ter informada a esa xente que depositou uns cartos para a compra da súa vivenda, que por unha decisión da comunidade autónoma quedou paralizada. Todos eses matices son os que hai que ir vendo e que se tentarán axilizar o máximo posible para chegar a unha solución consensuada”.

Convenios pendentes

Alfonso Fuente tamén se referiu ó convenio que no seu día ían firmar Consellería de Política Territorial, Deputación de Lugo, promotores e o Concello de Barreiros. O alcalde manifesta que ditos convenios lle chamaron moito a atención á nova secretaria xeral de Ordenación do Territorio “como me ocorreu a min sempre, porque aparecían documentos, convenios que había que firmar e se dicía que era bó firmalos entre a Consellería e o Concello, pero curiosamente sempre emerxían diante duns comicios. Emerxeron antes das eleccións nacionais, volveron aparecer cando chegaron as municipais e agora ultimamente antes duns comicios autonómicos”.

Fuente Parga di que “a min estas maniobras me facían pensar que isto non era serio, e entón precisamente cando onte a propia secretaria xeral me preguntou quen redactou eses documentos eu tiven que dicirlle que a min fixéronmos chegar, pero non pola vía oficial, e a min dicíanme que se redactaban nunha dirección xeral. Ela non entendía como unha administración pode redactar un documento cuns compromisos e despois se nega a firmalo, e cando un secretario, un director ou un conselleiro redacta un documento será para firmalo porque non hai volta de folla. O que non se pode é estar redactando documentos sen ánimo de firmalos, si un director xeral adquire un compromiso e o redacta nun documento hai que cumprir, porque somos unha administración ¿non?”.

O rexedor engade que “si o alcalde de Barreiros redacta un documento, un convenio e o firma cunha asociación será con ánimo de firmalo e de cumprilo. Cando se redactaron eses documentos a min nunca se me permitiu estar nesas reunións, co cal hai que desconfiar desde ese momento. Cando non se permite que a outra administración afectada estea presente nese momento xa hai que pensar mal, e o malo que tiña detrás era que era papel mollado que non se quería firmar e iso non é serio e agora estáse traballando en buscar unha solución seria, consensuada e que solvente un problema que nos veu engadido porque nunca se quixo escoitar a Barreiros”.

Exit mobile version