Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP presentará unha moción nos concellos para pedir maior vixilancia da costa ao Goberno Central

NOTA DE PRENSA
Os populares formularán a súa proposta en todos os concellos da comarca por entender que os medios actuais están minguados, son insuficientes e deben ser reforzados de xeito permanente.
O PP RECLAMARÁ A TRAVÉS DOS PLENOS MUNICIPAIS O REFORZO DOS MEDIOS DE VIXILANCIA E CONTROL DISPOSTOS POLO GOBERNO CENTRAL NA COSTA DA MARIÑA LUCENSE

* Pedirán ao Goberno de Zapatero que dote de persoal administrativo, medios técnicos e efectivos suficientes, a sede da Garda Civil do Mar situada en Viveiro, cuxas obras finalizaron fai preto de catro anos e pese a iso, aínda non está en servizo.

* Instan ao Executivo central a garantir a operatividade do Servizo de Vixilancia Aduaneira, con base en Ribadeo, cuxas embarcacións permanecen longos períodos de tempo avariadas e amarradas no porto.

Santiago, 14 de maio de 2009.- Os deputados no Parlamento de Galicia Jose Manuel Balseiro Orol, Emma Álvarez Chao e a senadora María del Carmen Gueimunde presentaron el rolda de prensa unha iniciativa a través da que reclamarán o reforzo dos medios de vixilancia e control dispostos polo Goberno central na franxa costeira da nosa comarca. Os populares formularán a súa proposta a través dos plenos municipais dos distintos concellos por entender que as entidades locais poden amplificar e fortalecer a reivindicación para a mellora dos servizos existentes que, na actualidade, están “minguados, son insuficientes e deben ser reforzados de xeito permanente”.

Na exposición de motivos contida na moción municipal fanse eco da situación pola que están a pasar estes servizos de protección e seguridade das nosas costas, que xa no seu día motivaron sendas iniciativas parlamentarias tanto na Cámara galega como no Senado. Máis en concreto, sinalan como prioridade atallar as problemáticas xurdidas no tocante á Garda Civil do Mar e no relativo aos medios operativos de Vixilancia Aduaneira.

PERSOAL PARA A SEDE VIVAIRENSE DA GARDA CIVIL DO MAR

O servizo marítimo da Garda Civil, pese a dispoñer dunha sede no peirao de Viveiro desde fai preto de catro anos, aínda non entrou en funcionamento. Isto converte á nosa costa nunha área especialmente vulnerable fronte a acción dos ilegais, as mafias e o narcotráfico. Os populares subliñan que foron as propias asociacións profesionais da Garda Civil quen, con coñecemento de causa, alertaron sobre o perigo que esta situación carrexa.

Conscientes desta problemática as distintas corporacións municipais terán a oportunidade de reclamar do Goberno de Zapatero a dotación de persoal administrativo, medios técnicos e efectivos humanos suficientes para a posta en marcha e apertura da Sede da Garda Civil do Mar na localidade de Viveiro (Lugo)

VIXILANCIA ADUANEIRA

Pero a reivindicación dos populares que os populares pretenden impulsar desde os distintos concellos da Mariña non se limita ao tocante aos efectivos policiais. Tamén existen outros medios de titularidade pública dispostos na nosa costa para a loita contra a acción dos ilegais. Este é o caso do Servizo de Vixilancia Aduaneira, dependente de Axencia Tributaria. A embarcación adscrita a este servizo -Alcaraván II- permanece grandes períodos de tempo amarrada en porto, afectada por avarías que inexplicabemente nunca rematan por ser arranxadas. De feito nas pasadas semanas os populares fixéronse eco do amarre forzoso de esta embarcación, por máis de seis meses, desde novembro do ano pasado. Esta falta de operatividade da embarcación de Aduanas, supón un exemplo máis da falta de interese e desidia coa que están a traballar a Administración central na nosa comarca.

Os populares coa súa proposta para adoptar un acordo unánime das Corporacións Municipais, urxen ao Goberno central a reforzar estes medios materiais e a incrementar o persoal do Servizo de Vixilancia Aduaneira.

NARCOTRÁFICO

Segundo o explicaron os dirixentes populares que presentaron a iniciativa na tarde de hoxe, carecer dos efectivos da Garda Civil do mar, pese a dispoñer da infraestrutura e das dotacións técnicas necesarias é algo que ven de lonxe, reivindicación e loita continua do PP despois de que o Ministerio do Interior confirmarse que non tiña entre as súas prioridades poñer en marcha este servizo na nosa costa. Mais a isto, agora debemos engadir a falta de operatividade da lancha de Aduanas amarrada no peirao ribadense. Ambas situacións son o caldo de cultivo ideal para que os ilegais poidan actuar con impunidade nas nosas costas. De xeito especial, os populares alertaron da vulnerabilidade da franxa costeira mariñá fronte ao narcotráfico, cos graves prexuízos socias aparellados ao consumo ilegal deste tipo de sustancias. “Falamos de falta de compromiso da administración ante unha grave ameza á saúde pública e un importante problema de seguridade pública”.

INTERESE MUNICIPAL PRIORITARIO

Por todo iso, reclamar un posicionamento dos concellos, como administracións máis próximas aos cidadás e, polo tanto máis conscientes desta realidade, constitúe unha acción de interese municipal prioritario. Abundar neste obxectivo – “que entendemos será por todos pretendido”- é o que busca a proposta de moción que presentará o Partido Popular para o debate e aprobación, nas vindeiras sesións plenarias previstas na nosa comarca.
——————————————–

MOCIÓN

SOBRE O REFORZO DOS MEDIOS DE VIXILANCIA E CONTROL DISPOSTOS POLO GOBERNO CENTRAL NA COSTA
DA MARIÑA LUCENSE

Que se fundamenta na seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Segundo os datos que manexan os colectivos antidroga, e as informacións das que dispoñen os expertos nesta materia, a costa galega segue a ser un punto de entrada moi empregado polos narcotraficantes que aproveitan as peculiaridades do noso litoral para achegar gran parte destes produtos ilegais. Esta circunstancia ademais de facilitar a acción das mafias do narcotráfico e provocar os graves prexuízos sociais aparellados ao consumo ilegal deste tipo de substancias, implica unha grave ameaza á saúde pública e xera un preocupante problema de  inseguridade cidadá.

Por iso, cada vez con maior intensidade, multiplícanse as voces, procedentes de distintos colectivos, concellos, da sociedade civil en xeral, que non renuncian a reclamar con insistencia unha maior vixilancia da nosa costa. De xeito especial, esta petición ten unha maior relevancia no tocante á franxa do litoral norte galego ao considerar que os medios despregados polo Goberno central –pola administración competente en materia de seguridade cidadá– non son suficientes para controlar o narcotráfico nas nosas augas.

Na actualidade Galicia, conta con dúas bases do servizo marítimo (SERMAR) da Garda Civil, unha situada en Marín, que atende a franxa costeira comprendida entre Tui e Muros, e unha segunda base situada na Coruña, que patrulla as augas desde Finisterre ata Ortegal, e esporadicamente, se o tempo así o permite, chegan ata Ribadeo. A Mariña lucense, xunto ao resto da costa norte é, polo tanto, unha área especialmente vulnerable fronte á acción dos narcotraficantes, como consecuencia da súa insuficiente protección.

As previsións manexadas ata o momento situaban ao ano 2005 como data da posta en funcionamento dunha nova base do servizo marítimo de Garda Civil na localidade lucense de Viveiro. O seu ámbito de influencia sería precisamente a costa norte galega e, dun xeito especial, a franxa lucense. Este litoral ven sendo vixiado en ocasións por patrulleiras da Garda Civil de Asturias, pero como no caso da patrulla procedente da base do SASEMAR da Coruña, faise en moi contadas ocasións.

Malia que as obras da sede da Garda Civil do Mar contigua ao porto deportivo de Viveiro (Lugo) finalizaron xa fai preto de catro anos, e dispuxéronse tamén as dotacións e pantaláns necesarios para desenvolver estes cometidos, o despregamento destes importantes efectivos non se ten producido ata o momento, polo que resulta máis que evidente que na nosa costa non se está a contar coa protección e vixilancia debida.

Nesta liña, o último colectivo que denunciou a precariedade do servizo de vixilancia entre o tramo de costa comprendida entre Cabo Ortegal e augas do Principado de Asturias, foi a asociación Profesional de Cabos e Gardas da Garda Civil (APCG), que a través dun comunicado, e con coñecemento de causa, alertan do perigo que se cerne sobre a mencionada franxa costeira.

A todo isto debemos engadir a falta de operatividade da patrulleira do Servizo de Vixilancia Aduaneira con base no porto lucense de Ribadeo, que depende organicamente da Axencia Tributaria (AEAT) e, polo tanto, forma parte do conglomerado do Ministerio de Economía e Facenda. Esta embarcación permanece amarrada no peirao dende o pasado mes de novembro (ano 2008, a piques de cumprirse os seis meses de inactividade) e, todo iso, como consecuencia dunha avaría que non está a ser arranxada.

Resulta máis que evidente que a falta de operatividade desta lancha e a carencia de efectivos do servizo marítimo da Garda Civil reduce dun xeito significativo os medios de titularidade pública dispostos no mar co fin de loitar contra a acción dos ilegais. Dificulta polo tanto, o obxectivo, por todos pretendido, de abortar as intencións daqueles que intentan introducir polas nosas costas drogas e outros produtos estupefacientes procedentes do narcotráfico.

A resultas do expresado con anterioridade, pode concluírse a insuficiencia e a precariedade dos medios e do persoal disposto nos distintos servizos de  protección e vixilancia que operan nas augas do litoral norte lucense e, xunto a iso, a falta de interese e a desidia coa que está a traballar a administración central en Galicia, neste e noutros ámbitos.  Ninguén pode poñer en dúbida á luz dos datos aportados que os servizos descritos están minguados, son insuficientes e deben ser reforzados dun xeito permanente.

É polo que, o Grupo Municipal Popular, considera de interese municipal prioritario a aprobación por parte do Pleno da Corporación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

Instar ao Goberno central a que, á maior brevidade posible, desenvolva as xestións oportunas en orde a reforzar e incrementar os servizos de vixilancia e control dispostos na franxa costeira da Mariña lucense e, nomeadamente, a:

1º-) Dotar dun cadro de persoal administrativo, medios técnicos e efectivos humanos en número suficiente para a posta en marcha e apertura da sede da Garda Civil do Mar na localidade de Viveiro (Lugo)

2º-) Reforzar os medios materiais e persoais do servizo de Vixilancia Aduaneira que opera na Mariña lucense –con sede en Ribadeo- e, de xeito especial, garantir a operatividade das embarcacións das que fai uso este servizo no desenvolvemento das funcións que ten atribuídas pola lexislación vixente.

3º- ) Dar traslado do presente acordo ás distintas aos Ministerio do Interior e de Economía e Facenda, dependentes da administración central así como aos voceiros dos Grupos Parlamentarios do PP, PSOE e BNG no Parlamento de Galicia e nas Cortes Xerais

Exit mobile version