Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación rehabilitará o centro histórico de Mondoñedo

Besteiro visitou Mondoñedo

Mondoñedo .- A Deputación provincial vai completar a rehabilitación do centro histórico de Mondoñedo, asegurou hoxe o presidente do ente provincial José Ramón Gómez Besteiro durante unha visita a cidade episcopal. Acompañado do rexedor municipal, Orlando González, Gómez Besteiro visitou a zona de Alcántara –detrás dos antigos xulgados e do instituto da Alameda- na que está previsto que as dúas institucións constrúan un aparcadoiro subterráneo, que permitirá completar a rehabilitación da zona monumental deste municipio. A colaboración materializarase a través dun convenio que asinarán os dous dirixentes, e a través do que a Deputación realiza unha achega de 47.000 euros
NOTA DE PRENSA

A Deputación completa a rehabilitación do centro histórico de Mondoñedo

– A cooperación inclúe a construción dun aparcadoiro subterráneo co que se completará o Plan de Rehabilitación que Mondoñedo mantén co Ministerio de Vivenda.

– Con esta actuación, a Deputación alivia ó Concello da aportación económica que debe realizar a través do Plan do Goberno Central e contribúe á recuperación da estabilidade presupostaria do municipio.

-A Deputación está a realizar obras en Mondoñedo por un valor dun millón de euros.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este luns ata Mondoñedo, onde anunciou que o organismo provincial vai completar a rehabilitación do centro histórico. Acompañado do rexedor municipal, Orlando González, Gómez Besteiro visitou a zona de Alcántara –detrás dos antigos xulgados e do instituto da Alameda- na que está previsto que as dúas institucións constrúan un aparcadoiro subterráneo, que permitirá completar a rehabilitación da zona monumental deste municipio. A colaboración materializarase a través dun convenio que asinarán os dous dirixentes, e a través do que a Deputación realiza unha achega de 47.000 euros.

Gómez Besteiro destacou que “contribuímos á reurbanización dunha zona que vai cambiar notablemente nos próximos meses e que é importante, xa que  por unha parte, o aparcadoiro linda cos xulgados e, por outra, cunha grande zona expositiva. Ademais, está rodeado de edificios administrativos”.

No ano 99, a través do Plan de Rehabilitación do Concello, dotado con 1,5 millóns de euros e subvencionado polo Ministerio de Vivenda nun 55%, acometeuse a restauración da Capela e dos accesos das principais rúas do centro histórico, quedando pendente a construción do aparcadoiro, que ten un custe total de 103.000 euros. Deste xeito, e debido ós problemas de liquidez que está a ter a entidade local, a Deputación colaborará coa entidade municipal co fin de revitalizar a zona máis emblemática deste Concello.

Neste senso, Gómez Besteiro destacou que “non só contribuímos a rematar a rehabilitación desta zona que, nestas datas, está a ser visitada por numerosos turistas, senón que tamén axudamos ó Concello a recuperar a súa estabilidade presupostaria, algo que aínda fai máis útil a Deputación, sobre todo porque se produce nun momento económico como o actual”.

Pola súa banda, o rexedor municipal subraiou que “Mondoñedo é un dos poucos Concello de Galicia que aínda conserva un centro histórico medieval e que conta con máis posibilidades de rehabilitación, de aí a importancia da colaboración da Deputación, que se pechou en 48 horas e foi unha proposta prioritaria que lle fixemos ó Presidente o venres pasado”. Asimesmo, Orlando González engadiu que “o Concello levaba máis de dúas décadas conseguindo este financiamento do Ministerio de Vivenda, entón non poderiamos acondicionar este espazo público sen o apoio de Gómez Besteiro”.

Outros investimentos

A Deputación tamén está a realizar outros investimentos neste municipio a través de diferentes Plans, e que suman preto de 1 millón de euros. É o caso das Comunidades Veciñais, que contemplan 3 obras para as que a institución provincial achega un total de 23.294 euros. Son as seguintes: dotación de mobiliario para o centro cultural de Figueiras, acondicionamento do campo da festa de Lindín e mellora de pistas en Barbeitas.

Por outra banda, este Concello está integrado na zona 3 do Plan de Conservación Integral das Estradas Provinciais, xunto cos de Abadín, A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza. O mantemento dos 324.357 quilómetros destes cinco municipios foi adxudicado para este ano por un importe de 773.024 euros.

Mondoñedo tamén recibiu 33.280 euros do Fondo Extraordinario da Deputación que complementa o Fondo de Investimento Local do Goberno Central. Esta cantidade corresponde ó 4% dos 832.022 euros concedidos a través do Plan E.

O municipio mindoniense ten 4.603 habitantes. A través do Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes, a Deputación achega 15.383 euros, que se destinarán á centralización do alumeado público na localidade de Zoñán.

Exit mobile version