Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG esixe a Xunta que se retire a madeira do monte derrubada polo Klaus tal como se comprometera

Nota de Prensa

Veiga esixe a Xunta a que se retire a madeira do monte tal como se comprometera

Máis da metade da madeira derrubada polo Klaus segue no monte

O Bloque Nacionalista Galego quere denunciar o incumprimento por parte da Xunta de Galiza do compromiso acadado na Mesa da Madeira polo Goberno bipartito de retirar a madeira do monte derrubado polo ciclón Klaus.

Neste sentido hai que lembrar que após o ciclón Klaus o por aquel entón Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, comprometeuse nunha xuntanza na Mesa da Madeira, a comezar a retirada da madeira do monte a inicios do mes de Marzo traballo que se veu executando até a chegada ao Goberno da Xunta de Galiza do Presidente Feijoo.

A este respecto queremos lembrar que as comarcas da Mariña e de Ortegal, as máis afectadas polo temporal, acumulan a día de hoxe inxentes toneladas de madeira derrubada no monte. Esta concentración de madeira derrubada concentrase de xeito moi particular nos Concellos de Ourol, Vicedo, Viveiro e Xove, o que está a provocar a preocupación e a indignación dos propietarios forestais. Neste sentido hai que lembrar que a dia de hoxe case que a metade da medeira derrubada polo Klaus segue no monte tirada.

O BNG comprende perfectamente a indignación dos propietarios forestais, xa que o pactado coa Xunta, era que esta a través de SEAGA ía retirar a madeira derrubada para o temporal a depósitos que os mesmos propietarios habilitaron. A día de hoxe estes depósitos seguen en moitos casos baldeiros, noutros sen usar ao non executar a administración o traballo recollido.

Asemade manter no monte esta madeira converte ao bosque da comarca nun auténtico polvorín, posto que aumenta o risco de incendios forestais polo estado de abandono no que se atopa o mesmo. Hai que ter en conta que a temporada do ano con máis risco de incendios na Mariña correspondese sempre co mes de Setembro dado que nesta época minora a humidade como consecuencia dos meses de verao.

Os nacionalistas consideramos a actitude do PP dunha auténtica irresponsabilidade por permitir que a madeira permaneza no monte co risco de incendios que xera, pero ao mesmo tempo acredita que o PP non é unha forza política de fiar porque non cumpre cos seus compromisos. Sería bo que o Sr.Balseiro que nos días do temporal adicouse a acusar de neglixencia a Consellaría de Medio Rural e comprometeu unha solución para a madeira derrubada no caso de cambio de goberno, que explique agora porque a madeira segue tirada no monte e as motivacións que levaron ao Goberno de Feijjoo a paralización da retirada da madeira derrubada do monte.

Non nos valen escusas de orde técnico sobre a dificultade de acceder a algúns lugares onde a mesma está derrubada posto que na zona das Landas onde o Klaus derrubou tres veces máis madeira que en Galiza a mesma foi retirada nun mes, nin tampouco razoamentos que nos falen de que retirala do monte acentuaría a forte caída de prezos da mesma, xa que tirada no monte a maiores do risco que provoca, desvaloriza o seu prezo.

Xa por último o Bloque Nacionalista Galego urxe ao Goberno do PP a que se proceda a retirar a madeira, cumprindo o asinado no seu día na Mesa da Madeira, e o anunciado polo PP nos días posteriores ao ciclón.

Exit mobile version