Site icon Crónica3.com A Mariña

Pide a Deputación que a Xunta elabore un plan para os concellos polos que pasa o Camiño de Santiago

LUGO .- A Deputación instará á Xunta de Galicia para que, coa máxima urxencia, elabore un plan de actuación en todos aqueles Concellos da provincia polos que discorren os Camiños de Santiago, que en 2010 Galicia recibirán un importante número de visitantes con motivo do Xacobeo.

NOTA DE PRENSA

A Deputación insta á Xunta a que elabore un plan para os Concellos da provincia con Camiños de Santiago

– O equipo de goberno avalou o éxito de Km0 e demostrou que non existe ningunha vinculación contractual entre a Deputación e a empresa encargada dos voos en helicóptero

– O organismo provincial instará á Xunta de Galicia a que manteña as áreas sanitarias de Monforte e A Mariña

A Deputación instará á Xunta de Galicia para que, coa máxima urxencia, elabore un plan de actuación en todos aqueles Concellos da provincia polos que discorren os Camiños de Santiago, que suman 800 quilómetros, e que representan a rede de itinerarios máis extensa das provincias galegas. O Pleno provincial aprobou este venres unha proposta do Goberno provincial no que se destaca que en 2010 Galicia recibirá un importante número de visitantes con motivo do Xacobeo, polo que “as administracións debe facer un esforzo coordinado para ofrecer ós peregrinos, infraestruturas e servizos de calidade”.  O obxectivo desta iniciativa é mellorar infraestruturas e servizos de cara á celebración do Ano Santo.

Na proposta, na que se lembra o labor de promoción do Camiño Francés que fixo ó recentemente desaparecido xornalista Víctor López Villaravid, sinálase que “a nosa provincia tería que acentuar as actuacións necesarias para mostrar ese escaparate lucense nos Camiños de Compostela”.

A Deputación de Lugo xa se adiantou á celebración do Ano Santo co programa Km0 a Compostela, e foi a primeira administración cunha programación estable previa ó Xacobeo que promociona todos os Camiños de Santiago ó seu paso pola provincia. Combina ecoturismo, medio ambiente, gastronomía, cultura, tradición e economía.

Éxito de Km0

KmO a Compostela forma parte do programa Km0 cofinanciado con fondos europeos e que está a ser todo un éxito, segundo demostraron con datos que aportou o Presidente da Deptuación, José Ramón Gómez Besterio. “Na primeira tempada deste programa participaron 6.000 persoas e na segunda xa están anotadas 10.092. No que levamos desta campaña, realizáronse 25 visitas, e hai 183 grupos ou asociacións que xa teñen unha ruta establecida. Polo que se refire ás viaxes en helicóptero, xa participaron 120 e están inscritas 270 con data pechada”, apuntou o titular provincial

O equipo de goberno tamén avalou no Pleno que non existe ningún tipo de relación contractual entre a Deputación e a empresa encargada de realizar as viaxes en helicóptero dentro do programa Km0 Xtreme. O organismo provincial tan só actúa de intermediario entre a empresa e os usuarios para acadar o mellor prezo, pero os 50 euros que custa a viaxe son aboados en exclusiva polos participantes.

Áreas sanitarias de Monforte e A Mariña

Por outra banda, o Plento acordou, tamén a proposta do equipo de goberno, instar á Xunta de Galicia a que manteña o mapa sanitario actual no que atinxe ás áreas sanitarias de Monforte e A Mariña con todas as competencias e servizos que teñen na actualidade. Na iniciativa recóllense a grande preocupación que suscitou, nestas dúas comarcas, o anuncio feito pola Conselleira de Sanidade de que se crearía unha área única para a provincia de Lugo.

O Goberno afirma que a supresión destas dúas áreas sanitarias “significaría unha merma na calidade asistencial que se presta á poboación desas comarcas e sería avanzar no desmatelamento de servizos”, sobre todo, nun tan básico como é a sanidade pública.

Segundo se apunta nesta iniciativa, o Hospital da Costa ten asignadas 72.025 persoas, distribuídas en 14 Concellos, e o Hospital de Monforte conta con 49.204 usuarios pertencentes a 11 Concellos. No caso de ter como primeiro hospital de referencia o de Lugo, Burela estaría a uns 100 quilómetros e 90 minutos de desprazamento en coche e daríase unha situación semellante para os usuarios da comarca de Lemos.

Cesión a Guitiriz

A Corporación provincial tamén acordou a cesión ó Concello de Guitiriz da titularidade dun treito de 197 metros da estrada provincial “de Friol a Parga”, en concreto entre os puntos quilométricos 18,740 e 18,937, ó seu paso polo casco urbano de Parga. A Deputación transferirá este treito en perfectas condicións, con aglomerado en quente e sinalización vertical e horizontal, xa que está incluído no POS 2008.

Exit mobile version