Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA organiza a segunda limpeza simultánea de ríos en Galicia

SANTIAGO .- Despois do éxito da primeira xornada de limpeza en ríos en 2008, repetimos a experiencia este domingo 27 de setembro. A limpeza desenvolverase en colaboración con concellos e distintas entidades e asociacións. Un dos problemas máis agravantes que sofren os nosos ríos segue a ser a cantidade de lixo que aparece nos cauces e ribeiras. Plásticos e entullos son elementos case habituais nos cursos fluviais. Dende o Proxecto Ríos queremos concienciar á sociedade da necesidade de manter limpos os nosos ríos como premisa para a conservación da súa saúde. A limpeza non pasa só por ser unha actividade dun día. Para a conservación dos ecosistemas fluviais cómpre desenvolver actitudes responsábeis cara o medio natural e depende de todos/as frear a contaminación que están a sufrir. Así que xa sabes: para este domingo 27, tes unhas botas na casa.

O Proxecto Ríos entregará aos grupos participantes un protocolo para difundir a limpeza ecolóxica e respectuosa dos ecosistemas fluviais, ademais de editar cartaces divulgativos para cada zona cun teléfono de contacto para que se apunten as persoas que queiran participar.
Nesta xornada a implicación dos concellos é fundamental para garantir a recollida do lixo que se saque dos ríos, para proporcionar o material necesario para a limpeza e para asegurar aos voluntarios/as participantes. O pasado ano retirouse un total de 11.020 toneladas de lixo (estimados) de orixe diverso e incluso variopinto (neveiras, rodas, radiografías, colchóns…) Neste ano animamos aos participantes a pesar o lixo retirado e a difundir no propio concello a idea de que o río non é un vertedoiro.

As persoas que queiran participar nesta actividade deberán anotarse previamente chamando ao teléfono do/a coordinador/a de cada zona para concretar a hora e lugar onde se vai realizar a limpeza.

A coordinación para a Mariña está en XOVE: Adega-Mariña- Desireé González 651 600 173

Exit mobile version