Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo abre o prazo para solicitar axudas para a compra de material escolar

CERVO .- A concellería de Educación do Concello de Cervo informa que hoxe ábrese o prazo para formalizar as solicitudes de axudas municipais para a adquisición de libros e material escolar destinada aos alumnos do segundo ciclo de Educación Infantil do concello

Segundo indicou Yolanda Pedreira, concelleira de Educación, unha vez publicadas as bases da convocatoria do presente curso 2009-2010 no Boletín Oficial da Provincia, as familias que se axusten aos requisitos da mesma terán de prazo para formalizar as súas solicitudes ata o vindeiro día 17 de novembro.

Esta convocatoria ten un orzamento de 8.600 euros procedentes das arcas municipais e ten por obxecto a concesión de axudas a familias para a compra de libros de texto e material escolar de alumnos e alumnas matriculados no segundo ciclo de Educación Infantil nos centros escolares públicos do Concello de Cervo.

Segundo Pedreira, a base desta convocatoria é facer efectivo “o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación” mediante a compensación económica a aquelas familias que polas súas condicións socioeconómicas teñan máis dificultades para afrontar os gastos derivados da adquisición de libros e de material escolar.

Así pois, as axudas poderán ser solicitadas por aquelas unidades familiares empadroadas no municipio que teñan fillos de tres a cinco anos (segundo ciclo de Educación Infantil) e que non superen o 150% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) per cápita. A súa contía será de 130 euros para as rendas das familias cuns ingresos per cápita iguales ou inferiores ao IPREM e de 100 euros para aquelas familias que non superen o 150% do IPREM nos seus ingresos per cápita.

Yolanda Pedreira informou que os servizos municipais teñen previsto distribuír a vindeira semana un folleto informativo entre os escolares do municipio para que lle lo fagan chegar aos seus pais. Neste folleto, ademais de informar sobre os requisitos da convocatoria, tamén incluirá un modelo de solicitude para que a podan presentar nas oficinas municipais.

Para formalizar as solicitudes os beneficiarios terán que proporcionar a fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar, a fotocopia do Libro de Familia, a declaración da Renda 2008 de todos os membros computables da familia e a factura de compra dos libros e material escolar dalgún establecemento comercial do municipio. O Prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro martes, 17 de novembro.

A concelleira de Educación cervense confiou en que esta iniciativa sexa ben acollida entre a comunidade escolar, “posto que a aposta pola educación é unha das bases fundamentais da sociedade” asegurou.

Exit mobile version