Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo modifica o Planeamento Urbanístico para protexer 28 mil metros cadrados en Lieiro

CERVO .- O Concello de Cervo modificará o planeamento municipal para protexer unha superficie bruta de 28.000 metros cadrados correspondentes ao asentamento orixinario de Lieiro. O Goberno municipal impulsará na vindeira sesión plenaria, prevista para a tarde deste mércores 2 de decembro, unha modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento neste espazo, situado ao sur da vía de FEVE, de tal xeito que pasará de ser solo urbanizable a solo de núcleo rural.

EDIFICACIÓNS DE TIPOLOXÍA TRADICIONAL

O Concello de Cervo protexe así un núcleo de poboación, xa asentado e moi singularizado, pola tipoloxía tradicional das súas edificacións e pola súa vinculación coa explotación racional dos recursos naturais. O Goberno municipal quere evitar que se poidan levar adiante actuacións urbanísticas que porían en perigo a ordenación racional desta área e a preservación dos valores existentes na mesma

ANTICIPARSE AO PXOM

Aínda que a problemática podería ter resposta no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), actualmente en redacción, cómpre actuar neste momento, para evitar que se leven acabo actuacións urbanísticas -como a construción de edificios- conformes co planeamento vixente, pero que non serían moi razoables en orde aos valores que se queren protexer.

RECOÑECEMENTO COMO NÚCLEO RURAL

Desde o Concello de Cervo explican que actuais normas subsidiarias non recoñecen a existencia do asentamento poboacional rural na zona de Lieiro, circunstancia que si pasaría a ter o seu reflexo e recoñecemento no planeamento de aprobarse a modificación proposta.

Exit mobile version