Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación participa no foro que debate as potencialidades do Ano Santo para o turismo

LUGO .- A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este mércores na inauguración do Foro Xacobeo 2010. Un Balcón a Galicia, celebrado en Santiago e organizado polo Grupo Correo Gallego. No acto, que contou coa presenza do Alcalde da cidade santiaguesa, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, subliñou que “o Ano Santo é unha oportunidade extraordinaria para crear emprego e mellorar a economía non só de Galicia senón tamén dos distintos Concellos polos que pasa o Camiño. O último Xacobeo trouxo a Galicia 4 millóns de persoas, e na Deputación de Lugo tampouco quixemos deixar pasar esta oportunidade para xerar riqueza na provincia, porque entendemos que o Ano Santo non é un patrimonio exclusivo da cidade de Santiago de Compostela”.

Neste senso, destacou que no mes de setembro “puxemos a andar e iniciou o seu particular camiño” a alternativa Km0 a Compostela, que está formada por 25 rutas que promocionan os catro Camiños que atravesan a provincia, e coa que a institución luguesa se adianta ó Ano Santo, converténdose na primeira administración que pon en marcha un programa organizado para promocionar as catro rutas Xacobeas que pasan por Lugo. “O que buscamos é reactivar a economía local ó tempo que lles ofrecemos ós participantes ecoturismo, medio ambiente, gastronomía, cultura e tradición”, apuntou Méndez.

A Vicepresidenta Segunda sinalou que, malia que a provincia de Lugo ofrece ós peregrinos paraxes incomparables a través do Camiños que pasan pola provincia, o turismo era algo que estaba un pouco esquecido na Deputación, “polo que facer visible a Lugo foi un dos retos que nos propuxemos dende que chegamos ó goberno”.

Deste xeito, ademais de Km0, destacou o traballo levado a cabo dende a Área de Turismo, ó tempo que lembrou que un dos principais eixos do Orzamento da Deputación do vindeiro ano é precisamente potenciar este sector, “un obxectivo que se verá reforzado co Plan Estratéxico, o primeiro plan destas características desta Deputación que permite dar unha visión real e global de Lugo, e que establece as liñas a seguir para conseguir que a provincia sexa un referente turístico, ó igual que é, por exemplo, a cidade na que nos atopamos: Santiago de Compostela”.

A Vicepresidenta Segunda aproveitou a ocasión para convidar a todos os participantes do foro, incluído ó Alcalde de Santiago, a que redescubran Lugo e o Camiño con Km0 a Compostela, “que sen dúbida ofrece unha faciana diferente, pero non menos interesante, de aproximarse ó espírito do Ano Santo”.

Calcúlase que unhas 200.000 persoas percorrerán a pé todas as rutas de Galicia e 150 municipios dos 315 existentes en Galicia están atravesados por un ou varios Camiños.

Contido do foro

No foro analizouse o Xacobeo dende a perspectiva turística, económica e espiritual coas aportacións e visións dun grupo de expertos historiadores, empresarios e representantes de distintas institucións, co obxectivo de facer partícipes ós asistentes da idea de que o Ano Santo pertence a todos e constitúe un gran escaparate para Galicia. No debate puxéronse de relevo as potencialidades turísticas que o Xacobeo ofrece ós Concellos e pobos polos que pasa o Camiño de Santiago, e que poden converterse en destinos adicionais para os visitantes que se acheguen a Galicia co motivo desta celebración.

Exit mobile version