Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña non existe para o Xacobeo, asegura o BNG que esixe ao goberno galego fondos para a promoción da comarca

NOTA DE PRENSA

Os nacionalistas denuncian que A Mariña non existe para o Xacobeo.

O BNG esixe ao Goberno Galego fondos para a promoción turística da Mariña.

Veiga afirma que  Xunta elimina A Mariña como destino turístico.

O anuncio realizado o pasado oito de xaneiro por parte da Secretaría Xeral do Turismo, nunha xuntanza mantida cos Alcaldes dos Concellos da Mariña, significa de facto a paralización de calquera tipo de actividade de promoción turística por parte da administración autonómica, a definición da Mariña dun destino turístico de segunda e a súa exclusión dos beneficios que o Xacobeo poden reportar a actividade.

A este respecto non é de recibo que por parte da Secretaría Xeral de Turismo se plantexe como obxectivo prioritario para este ano a elaboración dun Plano Estratéxico de Turismo, posto que ese Plano xa existe, recibiu o aval do conxunto dos Alcaldes da Mariña e da Asociación para a promoción Turística da Mariña. É máis este Plano xa recollía actuacións concretas a desenvolver na totalidade dos Concellos así como actuacións de carácter conxunto. A elaboración deste novo Plano o único que pretende é paralizar a constitución do Consorcio de Turismo da Mariña, cuxos estatutos xa foran elaboradas polo Goberno Bipartito, e na práctica evitar investimentos na promoción turística da Mariña.

A administración turística de Galiza o que evita é asumir compromisos reais coa comarca, e neste sentido non deixa de ser curioso que evite calquera investimento ate que se resolva a posta en marcha dun Plano de Dinamización, plano que debe contar co visto bo do Estado e que ate o vindeiro ano, no caso de ser aprobado, non permitiría o investimento de ningún tipo de fondo. A Xunta tense que mollar economicamente na promoción da Comarca, canda menos nos termos que desenvolveu o Goberno Bipartito, posto que senón a Mariña como destino o único que fai e descender baldas no ranking do galego e estatal. Vaia como exemplo do anterior que A Mariña pasou de ser destino de referencia de Galiza a FITUR a desaparecer de facto na definición que do espazo galego se fai neste ano.

A coincidencia de 2010 como Ano Santo, atendendo as repercusións que o Xacobeo ten no PIB galego, non se nota na Mariña tanto por non terse concretado as accións a desenvolver na Comarca, como na paralización da execución de infraestruturas xa contratadas como na negativa a poñer en marcha novas vías que cubriran o conxunto do territorio comarcal. Non é de recibo que a día de hoxe se descoñezan en que Concellos da Comarca están previstos eventos a desenvolver pola Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo na Mariña, nin tampouco que se teñan paralizados albergues cuxa construción xa estaba licitada como o de Ribadeo e que non se lle de resposta a falta de prazas existentes noutros Concellos e tampouco o silencio que mantén a administración sobre novas rotas do camiño, por outra banda perfectamente documentadas.

O Bloque Nacionalista Galego lamenta que a Xunta de Galiza pretenda agochar a súa inactividade e a súa falla de compromiso económico coa promoción da comarca, anunciando grandes planos, que mesmamente na súa execución práctica non dependen deles. Isto evidencia, que A Mariña non é un destino turístico prioritario para a Xunta do PP, e agora de aplicar recortes nos orzamentos en materia turística a nosa Comarca convertese na págana fronte a outras zonas de Galiza. Os nacionalista esiximos por parte da Xunta que proceda a executar as accións que viñan recollidas no Plano de Estratéxico de Turismo da Mariña, aprobado polo bipartito e os Alcaldes Mariñáns, e xa que logo libere fondos do Orzamento para que A mariña exista como destino turísco. Asemade demandamos que administración turística manteña o compromiso acordado coa Asociación para o Desenvolvemento da Mariña, que agrupa a todos os Alcaldes, a fin de formalizar a constitución do Consorcio de Turismo, único xeito de visualizar a Comarca como destino turístico na perspectiva de face-lo competitivo no mercado.

Exit mobile version