Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 30 empresas interesadas en colaborar co GDR na difusión do Programa Leader

MONDOÑEDO .- Unhas trinta xestorías manifestaron interese en asinar o protocolo proposto polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da comarca de A Mariña na xuntanza que mantiveron en Mondoñedo.

Nota de Prensa

AO REDOR DE 30 XESTORIAS MANIFESTARON O SEU INTERESE EN ASINAR O PROTOCOLO PROPOSTO POLO GDR DA COMARCA DA MARIÑA

Na tarde de onte tivo lugar a reunión convocada polo Grupo de Desenvolvemento Rural da comarca de A Mariña en Mondoñedo para propor a sinatura dun convenio de difusión do Programa Leader 2007 – 2013.

Onte pola tarde a Casa da Xuventude de Mondoñedo acolleu a reunión convocada polo GDR e destinada ás empresas de xestoría, asesoría e consultoría da comarca de A Mariña. A esta xuntanza asistiron unhas 20 empresas deste sector que manifestaron o seu interese en colaborar co GDR na difusión do Programa Leader.

Igualmente, e con anterioridade á celebración da xuntanza, xa foran varias as empresas que lle fixeran saber ao GDR a súa intención de colaborar, desculpando a non asistencia ao acto da tarde de onte.

A reunión tivo lugar dun xeito distendido e nela púxose de manifesto a receptividade do sector a este tipo de iniciativas. Do mesmo xeito, aproveitouse a xuntanza para aclarar algunhas dúbidas que xurdiron en relación ás axudas do Leader.

Desde  o GDR da comarca de A Mariña valoran este acto como “ moi positivo, xa que logramos implicar a un sector moi importante na difusión e execución do Programa. Agardamos que este sexa só un primeiro paso que serva para lograr un maior aproveitamento deste fondos europeos”, sinalan.

Na reunión de onte fixouse tamén a data para a celebración dun acto formal de sinatura de protocolos, que quedou para o vindeiro 2 de Marzo; podendo ata ese momento poñerse en contacto co GDR nos teléfonos 982.50.71.11 ou 648.92.13.10 calquera empresa que estea interesada en participar.

Exit mobile version