Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo de Desenvolvemento Rural da Mariña proporá ás empresas a sinatura dun protocolo para difundir o LEADER

MONDOÑEDO .- O GDR convocou unha xuntanza para o vindeiro martes, 9 de Febreiro, ás 7 da tarde, na Casa da Xuventude de Mondoñedo, na que empresas e grupo tratarán de elaborar un plano de difusión conxunto entre o sector empresarial.

O GDR da Mariña, entidade xestora do Programa Leader 2007-2013 na Comarca de A Mariña, vén de convocar a unha xuntanza a todas as empresas de asesoría, xestoría e consultoría da zona para lograr un maior achegamento ao sector empresarial das liñas de axuda ao abeiro deste programa.

Segundo explica a xerente do GDR, Ana Ermida, “ dende que este Programa botou a andar o que se está a tratar por todos os medios é que a información chegue a toda a poboación e, tendo en conta que grande parte das axudas van dirixidas a proxectos produtivos, é moi interesante que o sector empresarial da comarca saiba da existencia de tales axudas”.

Por esta razón é pola que o GDR convoca a estas empresas a unha xuntanza na que non só se explicarán o contido das axudas, senón que se deseñará un plan de difusión sectorial dirixido ao sector empresarial da comarca. “ As xestorías, asesorías e consultorías teñen unha relación directa co tecido empresarial, polo que son o medio ideal para transmitir esta información”.

Á súa vez, o que se pretende tamén é dinamizar o propio sector de consultoría da zona, xa que por medio da sinatura do Protocolo, o propio GDR comprométese a facilitar información sobre as empresas asinantes do protocolo aos posibles promotores de proxectos Leader. “ Deste xeito o que pretendemos é que as empresas da zona adicadas a esta actividade tamén se vexan beneficiadas pola existencia do Programa Leader”, sinalan dende o Grupo.

Igualmente, desde o GDR comprométense a asistir tecnicamente a aquelas empresas que elaboren proxectos para presentar solicitudes de axuda ao Programa Leader. “ Trátase de lograr a implicación de todos os sectores de zona para lograr un aproveitamento destes fondos e que se traduzan nun desenvolvemento real da zona”, asegura Ana Ermida.

Dende o GDR seguirase a traballar nesta liña facendo reunións sectoriais para acadar os obxectivos cos que se recollidos no Plan de Desenvolvemento Rural.

Exit mobile version