Site icon Crónica3.com A Mariña

O venres cesan as emisións analóxicas de Tv en Galicia

SANTIAGO .- O venres apagaranse os últimos centros de televisión que funcionan con tecnoloxía analóxica en Galicia e culmina así totalmente o proceso de transición á Televisión Dixital Terrestre. Estes últimos apagados analóxicos produciranse en 76 concellos e afectarán a preto dun millón de habitantes.

NOTA DE PRENSA

Con estes apagamentos nas áreas técnicas de Domaio e Páramo, culmina totalmente o proceso de transición á Televisión Dixital Terrestre

O PRÓXIMO VENRES APAGARANSE OS ÚLTIMOS CENTROS DE TELEVISIÓN QUE FUNCIONAN CON TECNOLOXÍA ANALÓXICA EN GALICIA

* Estes últimos apagados analóxicos produciranse en 76 concellos, onde preto dun millón de habitantes pasarán a recibir exclusivamente o sinal de TV dixital
* Nos días seguintes faranse axustes na rede da TDT ata dispoñer da cobertura e calidade de servizo previstos
* A universalización da televisión dixital terrestre beneficiará a máis do 98% da poboación galega, mentres que o resto disporá de recepción vía satélite
* Os novos equipos de TDT instalados son “totalmente de tecnoloxía galega”, ao igual que as empresas instaladoras
* “A tecnoloxía debe de ser transparente para o cidadán e o que queremos é que se reciba o servizo da TDT con garantías. Todos imos notar unha mellora substancial coa introdución da TDT, porque supera en cobertura e calidade á televisión en analóxico”, sinala Ignacio Otero

Santiago, 30 de Marzo de 2009.- O proceso de transición á Televisión Dixital Terrestre conclúe en Galicia este próximo venres, 2 de abril, co que se pon fin ao sistema de recepción de televisión en analóxico. Culmina así un proceso iniciado no pasado mes de xaneiro en Galicia e que supón adiantarse en dous anos á data fixada pola Unión Europea para abandonar a tecnoloxía analóxica de televisión.

Os apagados do venres afectarán a 31 concellos da provincia de Pontevedra, correspondentes á denominada área técnica de Domaio, que suman algo máis de 694.000 habitantes; e a 45 municipios de Lugo incluídos na área técnica de Páramo, cunha poboación que rolda as 238.000 persoas. Polo tanto, o vindeiro día  2 case un millón de habitantes máis terán exclusivamente cobertura de sinal dixital.

300.000 galegos máis sumaranse aos máis de 1.500.000 de cidadáns que xa reciben TDT

Das seis áreas técnicas en que está dividida Galicia, catro delas, Santiago, Ourense-Leste, Meda e Ares rexistraron o apagamento analóxico nas fases I e II que concluíron o pasado 18 de xaneiro; mentres que, as outras dúas, Domaio e Páramo, apagaranse completamente o vindeiro día 2, dentro da terceira e última fase do proceso que se iniciou o pasado día 10 de marzo, e coa que 300.000 galegos máis xa se teñen sumado aos máis de 1.500.000 de cidadáns que xa recibían unicamente sinal dixital con normalidade.

O proceso de transición acometido en cada unha destas áreas, realizouse co obxectivo de igualar a cobertura dixital da TDT de todos os canais, públicos e privados, nacionais ou autonómicos, á cobertura da TVG en analóxico. Ademais, poñendo en funcionamento 300 novos centros emisores de extensión de cobertura da TDT no rural, valorados en máis de 12.000.000 euros, e cofinanciados entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

Colaboración  “total e absoluta” dos concellos

Este proceso de acendido dixital foi, tamén posible grazas á colaboración “total e absoluta” dos concellos que traballaron en plena coordinación coa Xunta de Galicia. Os seus técnicos percorreron todos os municipios para coñecer de preto as súas instalacións e informarlles das necesidades a resolver para obter unha mellor calidade do sinal.

Aínda logo de producirse o acendido dixital en moitos dos municipios galegos, a Xunta segue en contacto cos concellos para resolver os problemas técnicos que poidan xurdir. Para iso, unha unidade móbil está a percorrer as aldeas e vilas que o demanden para atender as consultas dos cidadáns.

“Ninguén vai quedar sen TDT”

Na rolda de prensa, o subdirector xeral de Enxeñaría e Planificación de Telecomunicación, fixo fincapé en que “ninguén vai quedar sen TDT”, incluso os que non vían a televisión en analóxico, ou aquelas persoas ás que o sinal da TDT lles chegue en malas condicións “van poder ver todos os canais” a través da solución de TDT por satélite. “A tecnoloxía debe de ser transparente para o cidadán e o que queremos é que se reciba o servizo da TDT con garantías”, puntualizou Ignacio Otero, que engadiu: “Todos imos notar unha mellora substancial coa introdución da TDT, porque supera en cobertura e calidade á televisión en analóxico”.

Otero  puxo de relevo que os novos equipos da TDT instalados son “totalmente de tecnoloxía galega”, posto que, dixo, “os fabricantes galegos contan coa mellor reputación e prestixio no eido da TDT e nivel nacional e internacional”. Así, asegurou que tamén son galegas as empresas instaladoras, “moi cualificadas e coñecedoras do contorno rural onde se van despregar as infraestruturas”.

O subdirector xeral, concluíu lembrando que, a pesar de que a maioría da poboación xa recibe a TDT, aqueles cidadáns que aínda non dispoñan dos descodificadores oportunos necesitarán estar adaptados antes do 2 de abril se queren seguir disfrutando da televisión.

Ademais, resaltou que a Xunta, unha vez acometido totalmente o apagamento analóxico, seguirá facendo axustes na rede da TDT, ata rematar coa cobertura e calidade de servizo prevista. E, novamente, reiterou que o Goberno galego vai subvencionar os equipos de TDT por satélite para aqueles colectivos en risco de exclusión social.

O servizo de atención telefónica ao cidadán sobre a TDT segue activo, co obxectivo de dar unha resposta máis áxil ás dúbidas dos usuarios. Os teléfonos dispoñibles para atender as consultas son o 012 e o da Oficina Técnica, 981572154. Os cidadáns tamén poderán obter información a través da páxina web www.tdtgalicia.es.

Exit mobile version