Site icon Crónica3.com A Mariña

Ingesyma presta asistencia técnica a Cervo para poñer en marcha o programa de reciclaxe doméstica

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Medio Ambiente, Pilar Armada, reuníronse esta mañá nas dependencias municipais cos responsables da empresa Ingesyma, encargada da asistencia técnica do proxecto de reciclaxe doméstica que se implantará neste término municipal coa colaboración de Sogama.

Segundo indicou o alcalde, o obxecto desta xuntanza foi fixar o programa de actuacións a levar adiante para a posta en marcha deste proxecto piloto mediante o cal o Concello pretende difundir e promocionar o reciclaxe e a transformación da materia orgánica en compost entre os seus cidadáns.

O cronograma fixado na reunión inclúe unha primeira fase consistente na distribución de diverso material informativo para que os interesados no programa podan recabar maior información. Neste senso o alcalde cervense lembrou que a inscrición para participar nesta iniciativa permanece aberta dende hai unha semana e continuará así nas vindeiras semanas para todos aqueles que queiran participar. A campaña informativa completarase cunha xornada explicativa que está previsto se celebre dentro de dúas semanas e na que persoal de Sogama, do Concello e da empresa encargada da asistencia técnica do programa explicarán polo miúdo aos veciños en que consiste a compostaxe e a forma de levalo adiante de xeito óptimo nos seus domicilios.

Finalmente, realizarase o reparto dos composteiros aos distintos participantes e dende ese momento os veciños adheridos ao programa serán asesorados periodicamente por unha persoa encargada do Concello.

O alcalde de Cervo valorou positivamente a posta en marcha deste proxecto e fixo fincapé na necesidade de profundizar na reciclaxe e na reutilización coma alternativa de futuro. “O que pretendemos é dar un paso máis. Dende hai tempo que vimos mantendo unha política medioambiental baseada na concienciación e non en vano levamos ofrecendo un servizo de recollida selectiva de materiais coma papel, vidro, bricks, aceite ou pilas. Agora, o que pretendemos é que a xente se involucre aínda máis e sexan partícipes na reciclaxe da materia orgánica para conseguir compost” indicou o rexedor.

A transformación da materia orgánica en compost nas vivendas permitirá aos veciños que decidan participar neste programa reducir nun 50% as cantidades de residuos a depositar nos colectores convencionais, o que permitirá unha diminución da frecuencia de recollida dos mesmos polos servizos municipais, ademais dunha menor cantidade de residuos entregados a Sogama e por conseguinte, un menor importe das facturas emitidas por esta empresa.

Os interesados en adherirse ao programa de reciclaxe doméstica poden inscribirse na Casa do Concello ou na Casa da Cultura de San Ciprián.

Exit mobile version