Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo organiza unha excursión a Sogama para que os veciños coñezan a reciclaxe de residuos

CERVO .- A concellería de Medio Ambiente do Concello de Cervo, que dirixe Pilar Armada, organiza para o vindeiro día 3 de xuño unha viaxe en colaboración con SOGAMA para para visitar as instalacións da planta de tratamento de residuos que a Sociedade Galega de Medio Ambiente ten na localidade de Cerceda.

Esta actividade enmárcase dentro das IV Xornadas de Portas Abertas coas que SOGAMA conmemora a Semana do Medio Ambiente e segundo apuntou a concelleira cervense, na edición deste ano a Sociedade Galega de Medio Ambiente convidou especialmente aos concellos participantes no programa de compostaxe doméstica que se está a celebrar en Galicia “para que os veciños destes concellos -entre os que está Cervo- coñezan in situ a actividade desenvolvida nestas instalacións” indicou.

Todas aquelas persoas que desexen desprazarse ata esta planta de tratamento de Cerceda para coñecer o seu funcionamento poden inscribirse na casa do concello ou na casa da cultura. A viaxe é de carácter gratuíto, aínda que os interesados en participar deberán aboar 15 euros para o almorzo que está previsto celebrar nunha localidade próxima unha vez remate a visita a este complexo onde se tratan os residuos urbanos procedentes dunha boa parte do territorio galego.

A concelleira de Medio Ambiente convidou a tódolos cervenses a participar nesta viaxe “porque penso que é unha boa oportunidade para poder comprobar in situ e de primeira man a actividade desenvolvida na infraestrutura central da sociedade galega de medio ambiente, experiencia que -sobre todo no noso caso, ao estar participando no proxecto de autocompostaxe- penso que será moi útil para comprender a importancia do traballo de reciclaxe que aquí se desenvolve e que ademais se complementa coa transformación en enerxía eléctrica da parte do lixo non reciclable”.

Exit mobile version