Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnado do programa ambiental Axenda-21 en Ribadeo celebra a segunda xuntanza

RIBADEO .- O luns 10 de maio celebrarase a segunda xuntanza dos participantes do programa ambiental Axenda 21 Escolar de Galicia no colexio Gregorio Sanz, situado no Concello de Ribadeo. O encontro fará posible o intercambio de experiencias entre os alumnos dos colexios de educación infantil e primaria do CEIP Gregorio Sanz e o CEIP Virxe do Carme de Burela , ambos da provincia de Lugo. Concretamente, serán 88 alumnos de infantil e primaria os que participarán na actividade.

O acto de presentación comezará as 10 horas, para despois levar a cabo a primeira actividade da mañá, a Xincana interactiva. Nesta actividade, que se celebrará no patio do colexio e que leva por nome ‘Aventura Global’, os nenos irán descubrindo e reflexionando a través de distintas probas sobre actitudes e comportamentos sostibles. Todo isto axudará a que os rapaces entendan e interioricen o lema ’Pensar globalmente e actuar localmente’.

Posteriormente, os rapaces do colexio Gregorio Sanz presentarán un traballo que leva por nome ‘Coñecer a Costa de Ribadeo’. Os participantes do CEIP Virxe do Carme de Burela darán a coñecer a experiencia ‘A xestión de residuos no noso centro’, ademais de representar a peza teatral ‘A prodixio da reciclaxe’.Ao remate das presentacións dos traballos, os nenos participarán no obradoiro ‘Creamos un spot publicitario’ no que o alumnado creará en grupos, mensaxes de sensibilización sobre diversas temáticas medio ambientais.

Ao redor das 14 horas, os rapaces terán o xantar no comedor do CEIP Gregorio Sanz. Xa pola tarde, ao redor das 15:15 h os nenos farán as gravacións e posterior visualización dos spots realizados. Xa, as 15:45 entregaranse os agasallos aos participantes. As 16:00 terá lugar a foto grupal, que pechará a xuntanza.

Programa Axenda 21

O programa Axenda 21 Escolar de Galicia ten por obxectivo a educación para a sostibilidade nos centros educativos, incidindo sobre os aspectos curriculares, organizativos e participativos; ademais da participación activa do alumnado. O profesorado, mediador da aprendizaxe, mediador da aprendizaxe colaborativa e de fomento da participación a través de metodoloxías e técnicas innovadoras, coparticipa co seu alumnado na posta en marcha de dinámicas que favorecen a concienciación e promoven a sostibilidade.

As actividades que se están levando a cabo no programa Axenda 21 Escolar de Galicia son obradoiros para o alumnado sobre a reciclaxe, aforro de auga, consumo sostible ou lectura da paisaxe. Tamén se programas visitas entre os alumnos de distintos centros para compartir experiencias, exposicións didácticas sobre a auga ou a meteoroloxía. A través das fotografías tomadas polos alumnos, rexistraranse todas as actividades, ademais de facer exposicións coas mesmas. Cómpre engadir que os profesores contarán con material didáctico como trípticos explicativos ou calendarios que farán máis doada a comprensión das temáticas medioambientais por parte dos alumnos.

46 proxectos educativos en 2010

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas promove o desenvolvemento dun total de 46 proxectos formativos de iniciativa Axenda 21 Escolar de Galicia, ao longo do curso 2009/10 nos centros educativos das catro provincias galegas.

Na provincia da Coruña son en 13 centros educativos de 9 concellos diferentes; no caso de Lugo, un total de 10 centros de 6 concellos; en Ourense son 11 centros de 7 concellos e finalmente 12 colexios de 9 concellos da provincia de Pontevedra.

Exit mobile version